Foz, 19 de marzo de 2015. O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural en Foz, Pedro Fernández Manín, anunciou este xoves que o Concello está arranxando estes días estradas e camiños municipais na parroquia de Cangas e a continuación fará o mesmo en Vilaronte e San Martiño.
“O Concello de Foz segue a arranxar os camiños do medio rural. Nestes momentos están facéndose traballos na parroquia de Cangas para acabar no barrio de Vilachá e cara aos invernadoiros, ademais de reparar outras fochancas que hai noutros sitios da parroquia. Estas obras foron solicitadas por veciños particularmente e tamén pola asociación veciñal. Ademais fixemos reparacións no acceso ao depósito de auga municipal e a un pozo de bombeo, por solicitude da empresa Gestagua, que é a que leva o mantemento de toda a traída de augas do concello de Foz”, explicou Pedro Fernández Manín.
O concelleiro de Medio Rural engadiu que “unha vez acabadas estas obras en Cangas faremos outras, por un importe de 43.000 euros, nas parroquias de Vilaronte e San Martiño. Na primeira delas levaremos a cabo obras nas estradas municipais que van dende A Rúa á Pateira, dende A Rúa á estrada da Deputación que dá saída á parada do autobús escolar e do cruce da Casa de Fabián á Nacional 642. A continuación faremos tamén con rebacheo e limpeza de cunetas a estrada que pasa por diante da Casa de Galanchote. Arranxaremos integralmente os accesos ao barrio de Xinzo con limpeza de cunetas e mellora do firme das estradas. En Vilacendoi levaremos a cabo o arranxo da estrada que vai ao Carmen e tamén da estrada que pasa por diante da Granxa, que está completamente chea de fochancas e practicamente intransitable. E para acabar arranxaremos dende Escanlar cara á vía do tren e a estrada da Deputación. Todas estas obras nas parroquias de San Martiño e Vilaronte levarémolas a cabo con cargo á partida para arranxo de camiños por un importe de 43.000 euros”.
Fernández Manín rematou comentando: “sabemos que hai moitas máis estradas para arranxar, pero seguiremos pouco a pouco para continuar dando o mellor servizo posible aos veciños, como fixemos tamén cando non había presuposto”.