Foz, 23 de marzo de 2015.- O Concello de Foz amplía o horario de apertura da oficina municipal de turismo, que está situada no edificio do Cenima, durante a Semana Santa, concretamente do 30 deste mes de marzo ao 4 de abril, e haberá visitas guiadas á basílica de San Martiño.
A concelleira de Turismo, Maite López Rego, explicou hoxe que “como todos os anos por estas datas, dende a Concellería de Turismo queremos achegar aos nosos veciños e visitantes o horario da oficina de turismo dende o 30 de marzo ata o 4 abril. Durante eses días ampliamos o horario, que será polas mañás de 10 a 14 horas e polas tardes de 17 a 20 horas. Habitualmente está aberta só en horario de mañá”.
Maite López engadiu que “durante este último ano dende o Concello fixemos un esforzo importante para poder ter unha persoa que fai visitas guiadas á basílica de San Martiño. Era algo bastante demandado polos nosos visitantes, levamos un ano traballando neste sentido e está funcionando moi ben xa que cada vez hai máis visitas. O horario será de luns a sábado de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas; e os domingos de 10 a 15 horas”.
A concelleira tamén comentou que “o que se intenta é facilitar aos turistas a máxima información para que a estancia lles sexa o máis agradable e cómoda posible. Na Semana Santa do ano pasado comprobamos que as visitas incrementáronse con respecto ao 2013, a 2012 e a 2011. Entón levamos tres anos recibindo máis visitantes nestas datas de Semana Santa e todos os esforzos son poucos para atender á xente o mellor posible. O turismo no noso pobo é algo fundamental porque unha parte da nosa economía móvese neste sector. Esperemos que teñamos bo tempo, que recibamos un número importante de visitantes e que a estancia lles sexa o máis agradable posible”.