Cervo, 20 de marzo de 2015-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, fixeron entrega dun cheque de 9.000 euros en apoio á Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, que recolleu a súa presidenta, Iris Castro.
Unha subvención destinada a colaborar con esta entidade “que fai un labor social fundamental e presta un servizo imprescindible na nosa sociedade de benestar”, asegura Armada. En concreto, este importe está dirixido a contribuír co funcionamento dos centros que mantén a entidade, como é o caso da residencia da Bidueira, e a apoiar as diferentes actividades que poñen en marcha.
A edil tamén destacou os servizos que vén prestando a asociación aos seus usuarios, que abarcan dende a reinserción psicosocial e laboral pasando pola atención psicolóxica e social ou a aprendizaxe de habilidades da vida diaria e utilizando para iso métodos didácticos.
Da mesma maneira, Armada destacou o papel da unidade residencial da Bidueira, que xestiona a asociación, e que conta con prazas subvencionadas pola Xunta. Unha residencia que cumpriu un ano no pasado mes de outubro, que foi a primeira que se abriu na provincia e unha das poucas de Galicia. “Esta asociación foi pioneira en promover unha unidade residencial, e nós valoramos o seu esforzo e o labor que desenvolve na atención aos enfermos” engade Armada.