Burela, a 21 de marzo de 2015. O Concello de Burela incluirá na vindeira sesión ordinaria que celebra a Corporación Municipal tres puntos relativos á nova situación orixinada coa implantación da administración electrónica, dado que, segundo o alcalde, José María González Barcia, “temos que adaptar a normativa municipal a esta nova etapa da administración electrónica”.
Ademais de someter á consideración do pleno a derogación do regulamento de funcionamento do rexistro municipal de documentos, “algo lóxico, tendo en conta que hasta agora todos os documentos que entraban no rexistro do Concello o facían en formato papel, tamén se tratará e votará a modificación da ordenanza sobre administración electrónica para crear a sede electrónica, dado que hai que regular a entrada e saída de documentos en soporte electrónico, e tamén temos que crear o perfil do contratante, que aínda que xa existe na páxina web do Concello non está creado oficialmente dentro da administración electrónica”.
González Barcia afirmou que “a creación do perfil do contratante traerá consigo que no mesmo se anuncien as licitacións de obras ou servizos, o procedemento establecido para cada unha das licitacións, presentación de ofertas, membros das mesas de contratación, actas de apertura dos distintos sobres ou ofertas, actas de propostas de resolución dos contratos, etc, o que vai repercutir no incremento da transparencia da administración do noso Concello”.
O alcalde burelés manifestou que “a posta en marcha da administración electrónica no Concello se está facendo sen grandes sobresaltos, aínda que é un proceso que leva o seu tempo, unhas cantas semanas, e que pode xerar puntualmente algún tipo de problema aos usuarios, polo que pedimos novamente desculpas”.
O rexedor indicou que “a administración electrónica permitirá gañar eficacia, eficiencia e transparencia, así como aforrarlle tempo aos usuarios, que poderán tramitar os seus asuntos co Concello desde a casa e a través de internet. Con todo, o rexistro en formato papel seguirá existindo para aquelas persoas que por diversos motivos non usen ou non queiran usar internet”.
Barcia rematou manifestando que “aquí non contamos con ningunha axuda da Deputación para implantar a administración electrónica: só nos enviaron un plasma, unha antena wifi, e dous ou tres ordenadores, pero as ferramentas electrónicas tívoas que mercar o Concello con fondos propios. Resulta sorprendente que 25 millóns de euros gastados despois, a Deputación non fose capaz de dotar destas ferramentas aos concellos. Iso sí, agora ofrece antivirus gratis e cousas desas, pero o importante, ao que se comprometeron, nada de nada”.