Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS Pescados Rubén cae da Copa nos penaltis

Un xenial Burela FS Pescados Rubén despídese da Copa de España de Cidade Real 2015 fronte ao Jaén Paraíso Interior cos penaltis como verdugo, nunha cita na que tomaron a iniciativa no marcador os mariñáns con vantaxe 0-2, que o rival puido reducir con xogo de cinco e igualou a tan só 6 segundos para o final.

Máxima emoción se viviu no Quijote Arena con dous equipos sen medo, que ían por todas. Buscaron a meta contraria Carlinhos e Solano con réplicas de Iago Míguez e Matamoros. No minuto 5, Álex, de novo soberbio, non dubidou ante a tentativa máis clara dos xienenses nos pés de Eloy con rexeite recollido por Chino. Alternando as ocasións por ambos bandos, os laranxas dispuxeron no 16 de dúas xenialidades, Miguel en contraataque e Antoñito que non puido controlar un roubo magnífico de Iago Míguez. Poucos segundos despois Dani Martín intentaba sorprender, sen fortuna, o meta burelista. E no último minuto antes do descanso, o feroz disparo de Matamoros caía nas mans do porteiro de Jáen.

Comezaba sen goles a segunda parte sobre a Pista Azul, sen baixar revolucións. O empeño mariñán tivo a súa recompensa no minuto 25, con marca de Iago Míguez, tras un pase longo de Álex que capturou Chano con solvencia. Ampliaba distancias e facía máis real o soño laranxa precisamente Chano, no minuto 33, asistido por Behroz. Con 0-2, reaccionou o Paraíso Interior con Cuco como porteiro xogador e en poucos segundos subiu o 1-2. Tivo o Pescados Rubén dous billetes para a final a porta baleira a falta de 3.14 e 2.22 minutos sen éxito. Resistiron os de Juanlu o xogo de cinco, pero a falta de 6 segundos para a bucina final, Dani Martín resucitaba o Jaén co 2-2 e metía o partido na rolda de penaltis. Con esta lotería, só quedaba a esperanza da sorte, pero como xa lle ocorreu ao equipo infantil en cuartos da Minicopa con Movistar, esta vez deunos as costas.

Domingo 15 de marzo de 2015, Teledeporte
20.00 horas, FINAL: Jaén Paraíso Interior-FC Barcelona

Ficha técnica
Jaén Paraíso Interior FS: Prieto, Carlinhos, José López, Solano, no cinco inicial; tamén xogaron Gonzalo, Fabián, Dani Martín, Eloy Rojas, Emilio Buendía, Campoy, Chino

Burela FS Pescaos Rubén: Álex, Bellvert, Iago Míguez, Matamoros, Carlitos, no cinco inicial; tamén xogaron Antoñito, Chano, Behroz, Miguel, Hélder

Goles: 0-1, minuto 25, Iago Míguez; 0-2, minuto 33, Chano; 1-2, minuto 34, Cuco; 2-2, minuto 39, Dani Martín. Penaltis: Eloy Rojas 1-0, Matamoros 1-1, Cuco 2-1, Chano 2-2, Buendía 3-2, Iago Míguez 3-3, Carlinhos 4-3, Antoñito 4-4, Chino 5-4, Miguel (fallo)

Árbitros: Martínez Segovia // Sánchez Molina

Tarxetas: Por Jaén amarela a Solano. Por Burela amarela a Antoñito

Incidencias: Partido correspondente a semifinais da Copa de España Cidade Real 2015 disputado no pavillón Quijote Arena, coa asistencia do xefe de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, entre as autoridades presentes.

Exit mobile version