A Mariña, 21 de marzo de 2015. O Bloque Nacionalista Galego levará ao Parlamento Galego iniciativas na defensa dos postos de traballo na factoría e Vestas en Viveiro. Ante a situación anunciada pola empresa en días pasados, a formación amosa a súa preocupación e solidariedade co cadro de persoal e solicitará do Parlamento Galego e da Xunta de Galiza apoio e actuacións para asegurar a actividade empresarial e os postos de traballo.
Desde o BNG, a responsábel comarcal, Ana Ermida, sinalou que “este sería outro duro golpe para o emprego na nosa comarca, onde, nos últimos anos as políticas laborais aplicadas polos sucesivos gobernos están facilitando a destrucción de emprego e provocando continuos ERES e peches de empresas.”
O BNG, tras ter solicitado a convocatoria dun pleno extraordinario no concello de Viveiro para trasladar o apoio ás traballadoras e traballadores, levará tamén as súas demandas ao Parlamento Galego. Para ter coñecemento directo da situación, este luns, ás 17.30 horas, unha delegación encabezada polo Portavoz Nacional, Xavier Vence e na que participarán o parlamentario, Cosme Pombo; o portavoz municipal en Viveiro e candidato á alcaldía, Bernardo Fraga; o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga; a responsábel comarcal, Ana Ermida e o responsábel de organización comarcal, Xoán Estúa; visitará a factoría de Viveiro para recoller as súas inquedanzas e trasladar o apoio ao cadro de persoal.
Desde a formación nacionalista insisten en demandar solucións dun goberno galego que “é incapaz, xa non de crear, senón de non destruír emprego, condenando o futuro da Mariña e provocando que a emigración e o desemprego segan a incrementarse, desmantelando empresas punteiras na nosa comarca.”