Viveiro. 21 de marzo 2015. O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro, non asistirá o vindeiro luns, á comisión convocada pola Alcaldesa de Viveiro, para establecer unhas bases que rixan con criterios obxectivos a concesión de axudas a asociacións culturais e clubes deportivos.
Os nacionalistas, afirman, que se trata dun “paripé electoral” que non serve para nada, posto que nos orzamentos municipais non existen partidas adicadas a asociacións culturais e clubes deportivos. No ano 2013, só percibiron axuda 3 clubes de fútbol base, e no ano 2014, ningún clube recibiu ningunha subvención ou asinou convenio co Concello. Os nacionalistas instan á Alcaldesa de Viveiro a “desconvocar a comisión, levar a pleno a aprobación dos orzamentos de 2015 con partidas adicadas a cultura e deporte, e deixarse de propaganda a 2 meses das eleccións municipais”.
Bernardo Fraga, Candidato á Alcaldía, declarou “O PSOE de Viveiro, coa súa política económica sen control, está levando a unha situación crítica a moitos clubes e entidades sociais. Agora a 2 meses das eleccións, queren lavar a cara para esconder a falta de apoio económico ao deporte e á cultura en Viveiro nos últimos dous anos”
Ademais salientou, “Viveiro volve a estar con orzamentos prorrogados, o goberno de María Loureiro, é incapaz de traballar con orzamentos ao día, unha fórmula habitual no PSOE local, que foi a que provocou a situación de emerxencia municipal na que se atopa o noso Concello”.
Os nacionalistas, indican ademais, que a nosa política, en calquera institución é a creación de bases que rexan a concesión de axudas ou subvencións, tal e como se demostra nas diferentes institucións que gobernamos, entre elas no Concello de Viveiro, cando no ano 2012, se concederon axudas cunhas bases e uns criterios claros e públicos. Finalmente, declararon “nós cremos, na igualdade de oportunidades de todos os clubes e asociacións, as axudas opacas e “a dedo”, son por desgraza, política habitual no PSOE local”.