Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela asegura que as obras do acceso ao porto, supervisadas este luns pola Conselleira de Medio Ambiente, “marchan a bo ritmo”

230315 Foto porto conselleira 1Burela, 23 de marzo de 2015.- O alcalde, José Mª González Barcia, asegurou que as obras de acceso ao porto marchan a bo ritmo. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou este luns eses traballos.

O rexedor contou que “na mañá de hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, estivo aquí, en Burela, para visitar as obras o acceso ao porto burelés, que teñen unha enorme importancia para o noso concello; e non soamente polo que significa como investimento, que é moi importante, senón porque vai desconxestionar bastante tráfico do casco urbano de Burela xa que traerá consigo que practicamente todo o tráfico que se xera no porto vai entrar e saír por ese acceso, que ten unha rotonda na zona próxima ao río Perdouro e chega ás inmediacións de Absa nun recorrido de aproximadamente un quilómetro e trescentos metros”.

José Mª González Barcia subliña que “este investimento é realmente importante porque estamos falando de case 8 millóns de euros de inversión entre o proxecto e a obra en si mesma. Nestes momentos pode dicirse que é unha das obras máis importantes que está acometendo en materia de infraestruturas viarias a Xunta de Galicia na provincia de Lugo”.

Segundo o alcalde burelés “as obras van a bo ritmo e hoxe mesmo puidemos comprobalo: os traballos de drenaxe están moi avanzados, practicamente concluídos e nos próximos días, xa previsiblemente nesta semana, vaise comezar a traballar no que se refire ao modificado do itinerario da vía do ferrocarril, que é a actuación máis problemática dentro do conxunto da obra, que ten unha complexidade técnica realmente importante, tendo en conta que hai que desprazar a vía do tren en dous puntos concretos. Pero a obra xa vai a todo ritmo e confiamos en que nos prazos previstos remate sen ningún tipo de incidente”.

E engadiu que “o Concello de Burela, os veciños e veciñas, levábamos tempo desexando que esta obra fose unha realidade. Agora, por fin, xa non cabe dúbida de que a obra do acceso ao porto de Burela desta vez si que vai. Quero agradecerlle á Xunta todos os investimentos que está a realizar no noso concello, e sobre todo nesta importante infraestrutura”.

Exit mobile version