Site icon Crónica3.com A Mariña

Nava Castro destaca en San Cibrao que as feiras gastronómicas ocupan un lugar moi relevante na política turística da Xunta

Cervo (Lugo), 21 de marzo de 2015.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou este sábado na clausura das xornadas técnicas da XXIV Festa do Ourizo de San Cibrao.

Este festexo, que pon en valor un dos produtos mariñeiros máis auténticos de Galicia, conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia dende 2008.

Un ano máis, a celebración acolleu unhas xornadas técnicas sobre o ourizo de mar, que afondaron no coñecemento deste produto e achegaron valor a este festexo. Ademais este ano tiveron o privilexio de contar coa participación dalgúns dos cociñeiros máis destacados da nosa comunidade.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia resaltou o traballo dos veciños que fai posible ofrecer degustacións de numerosas receitas deste manxar galego aos visitantes que ano tras ano acoden a Cervo a festexar esta celebración.

Así mesmo, Nava Castro destacou que a Festa do Ourizo se converte no reclamo perfecto para coñecer esta zona da provincia de Lugo da que afirmou “é unha terra chea de recursos, moitos deles únicos no mundo”. “A oferta cultural, natural, paisaxística, gastronómica e etnográfica da Mariña converte este destino nun elemento diferencial dentro da oferta turística galega”, incidiu. A responsable de Turismo da Xunta afirmou que todos os seus recursos turísticos acompañan a esta cita gastronómica e convértense na oferta complementaria dunha zona de Galicia que ten moito que ofrecer.

Aposta polas festas de exaltación de produtos enogastronómicos
Nava Castro explicou que as festas, polas súas características e singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio a nivel autonómico, son un recurso que manter e potenciar, xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística.

Nesta liña, a directora de Turismo de Galicia afirmou que, ademais, engaden importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais. “Por todo isto fomentamos a súa difusión e promoción”, sinalou Nava Castro.

Neste senso, explicou que o Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe un plan de acción dedicado a promoción e mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, especialmente as declaradas de Interese Turístico, mediante a consolidación de criterios homoxéneos de calidade e a promoción e valorización dos produtos sostibles e de calidade.

“As celebracións gastronómicas tradicionais que xeran experiencias únicas no destino ocupan un lugar moi relevante na política turística do Goberno galego”, afirmou a responsable de Turismo da Xunta.

“Esta nova edición da Festa do Ourizo é unha mostra máis de que conservar as nosas tradicións, o noso xeito de vivir e gozar de Galicia, é o que nos fai un destino único”, concluíu Nava Castro.

Exit mobile version