Site icon Crónica3.com A Mariña

Mayra García: “A Conselleira pode presumir de presentar os xerentes que queira, pero mentras non teñan capacidade de decisión o único logro é contribuír ao deterioro da Sanidade no noso Hospital”

A MARIÑA, 13 DE MARZO DE 2015.- O PSOE da Mariña reclama, unha vez máis, á Xunta de Galicia que cumpra os seus compromisos co Hospital da Costa e deixe de destruír e desmantelar este centro sanitario. Esta solicitude vén motivada pola presentación por parte da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, da nova xerencia executiva do Hospital, a cuarta en dous anos, “e que resposta ao fracaso da súa xestión. Nin é capaz de ter aos seus contentos nin é capaz de manter a calidade asistencia. O único que fixo foi converter o Hospital nun simple ambulatorio”, así o definiron a coordinadora do PSOE nesta comarca, Mayra García, e o deputado autonómico, José Ramón Val.

Segundo García, “a xestión da Xunta está a acabar co dereito dos mariñáns a ter unha sanidade de calidade”. “A conselleira pode presentar os directores xerentes do Hospital que queiran, pero mentras non teñan capacidade de decisión o único logro é contribuír ao deterioro da Sanidade no noso Hospital”, engadiu. Neste senso, Val afirmou que, “novamente na Mariña, non sabemos canto vai durar esta nova xerente, que non ten nin capacidade de decisión, non pode tomar decisións que contribúan a reducir as listas de espera, non pode decidir sobre a necesidades de material ou persoal, todo o que redunda nun deterioro na atención aos usuarios”.

Estamos a falar dun tema moi serio que parece que ao Goberno do Partido Popular non lle importa, xa que “antepoñen sempre os seus intereses partidarios aos intereses das persoas”. Mostra disto é o modelo de xestión aprobado polo Decreto 55/2013 do Goberno de Feijoo, polo que os tres hospitais da provincia -Lugo, Burela e Monforte- perden a súa autonomía. Con isto, “o que conseguiron é que A Mariña perda un servizo público necesario”. A Xunta condena aos mariñáns a ter que percorrer máis de 100 quilómetros para acudir a súa cita cos especialistas no HULA ou en centros privados, un servizo que antes tiñan na comarca. Ante esta situación Val demandou que “o hospital da Costa teña a autonomía que tiña hai ano e medio, antes de publicarse o decreto”. “Ese é o modelo de xestión do que tanto presume o PP, baseado nos recortes e co aforro como escusa para o desmantelamento da atención sanitaria, co obxectivo de privatizala e empeorar a atención á cidadanía”, afirman.

Deterioro da sanidade e incumprimento de promesas
A coordinadora socialista na Mariña explicou que “o Goberno galego está a deteriorar enormemente a calidade da sanidade pública e está a incumprir as súas promesas aos mariñáns”, incumprindo os prazos de execución da redacción do Plan Director co que se realizaría a “tan necesaria e desexada ampliación do Hospital, tantas veces prometida e demasiadas incumprida”.

Exit mobile version