Site icon Crónica3.com A Mariña

Mario Pillado encabezará a lista do BNG-Asembleas Abertas ó Concello de Burela

A asemblea local do BNG vén de elixir por unanimidade ao burelao Mario Pillado como cabeza de lista para concorrer ás vindeiras municipais do mes de maio. Pillado, nacido en Burela e de 30 anos, está moi vencellado ao deporte de base, sendo na actualidade monitor e adestrador das categorías inferiores de fútbol sala en Burela. Licenciado en Enxeñaría Química pola Universidade de Santiago de Compostela en setembro de 2008, traballou como técnico de eficiencia enerxética para a fábrica de xeo da cofradía de Burela.

A formación nacionalista aposta deste xeito por reafirmar a renovación da representación municipal xa iniciada coa entrada de Mario Pillado na corporación municipal, tras substituír a Neves Cando, en outubro do 2013. Desde o BNG destacan o compromiso do candidato e o traballo xa realizado nestes escasos dous anos como concelleiro, así como a “súa capacidade para defender outro xeito de facer política, lonxe das políticas de axustes, subas de impostos e encarecemento dos servizos públicos do PP e lonxe tamén dos populismos baleiros que so procuran a foto e maquillar a auténtica cara do PP”. Frente a iso a aposta pola renovación do actual concelleiro supón o recoñecemento do traballo ben feito durante este ano e medio na oposición ao goberno municipal e o intento de rachar coa inoperancia establecida no concello de Burela, onde o resto de contendentes políticos que concorren repiten as súas apostas.

O BNG-Asembleas Abertas representa a renovación e a alternativa da xente da rúa fronte ao estancamento e ao conformismo que amosan o resto das formacións de cara a unhas municipais cruciais para o futuro da vila. A formación nacionalista preséntase como a antítese da política máis rancia instalada no concello de Burela, con unha candidatura que estará conformada por persoas sen máis afán que lograr un cambio na política local e que garante pór ao mellor da mocidade burelá a loitar por “un futuro digno no noso concello, pola defensa do dereito a traballar con dignidade na terra, defendendo sectores tan importantes coma o pesqueiro, abandonado polos gobernos local, galego e español; ou na defensa dun hospital con plena capacidade para xestionar os recursos.”

Segundo manifestou o candidato “é preciso un cambio urxente para poñer o concello de Burela ao servizo das veciñas e veciños e deixar de utilizar a institución como bastión das políticas antisociais e dos recortes que aplica o Partido Popular, do goberno en contra da xente. Por iso, desde o BNG apostamos porque Burela se convirta nunha vila dinámica, participativa e na que o seu futuro sexa deseñado polas veciñas e os veciños e non unha vila que sexa unha simple peza nas políticas deseñadas para outros lugares”, concluiu Pillado.

Exit mobile version