Site icon Crónica3.com A Mariña

Lorena Seivane preséntase como cabeza de lista do BNG en Foz co obxectivo de “sacar a política focense da parálise e os personalismos na que está instalada”

candidaturabngfoz-lorenaFoz, 14 de Marzo de 2015.- A cabeza de lista do BNG á alcaldía de Foz, Lorena Seivane, preséntase ás eleccións do vindeiro mes de maio co obxectivo de “sacar á política focense da parálise e os personalismos nos que está instalada nos últimos anos”. A candidata nacionalista, economista e de 30 anos, considera que “os veciños e veciñas de Foz non queren máis circos personalistas no Concello, senón a coherencia, traballo e honradez que só garante o Bloque”.

Nun acto arroupado polo secretario Nacional de Organización Bieito Lobeira, a responsable comarcal do BNG, Ana Ermida, e o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, o BNG de Foz presentou hoxe unha candidatura renovada que aspira impulsar un cambio na vida política de Foz. Os nacionalistas preséntanse como “garantía para que o Concello estea ao servizo de toda a cidadanía e non do interese personalista de ningún candidato” e comprométense a traballar na defensa do “interese xeral dos veciños e veciñas de Foz”.

O BNG de Foz presentou neste acto, que tivo lugar ás 20:00 horas no Centro Social do Porto de Foz, a candidatura completa coa que concurrirá ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Trátase dunha candidatura de renovación, con máis do 50% de caras novas, e na que entre os catro primeiros postos se atopan dúas persoas independentes: a número dous Teresa Rego, profesora e tradutora de inglés de 35 anos, e no cuarto posto David García, coñecido como Chamaco, de 28 anos e estibador portuario en Alcoa.

Entre os primeiros postos figura tamén Amara Méndez Alonso, de 33 anos e diplomada en Traballo Social; o director do colexio de Nois, Juan Benito García Lorenzo, que figura no posto número 5; e o médico Iago Villamil Cajoto, internista do Hospital da Costa.

Candidatura nova e preparada
A cabeza de lista, Lorena Seivane, destacou que se trata dunha “candidatura nova e preparada, na que o único que nos move é a forza de traballo e o orgullo de ser focegos e focegas e de pelexar pola mellora do pobo no que vivimos por enriba dos intereses particulares e das confrontracións persoais”.

“Estou orgullosa de pertencer a unha lista encabezada por 4 persoas menores de 35 anos das que as tres primeiras somos mulleres. Porque as persoas mozas traemos con nós a forza que nos da a ilusión. Ilusión por cambiar de rumbo o noso pobo cara un porto mellor”, dixo. “Cremos que é necesario que os mozos e mozas de Foz non teñan que marchar obrigatoriamente para comezar o seu futuro, apostando por un viveiro de novas empresas, un plan de emprego a longo prazo fomentando o emprego nas empresas que temos aquí ou promovendo o autoemprego”, propuxo.

Un Concello instalado na parálise e nos personalismos
Lorena Seivane, insistíu en que “ao que aspiramos é a cambiar un Foz instalado na parálise dun modelo que levaron a cabo os anteriores gobernos, tanto agora do PP, como dos 16 anos anteriores do PSOE”. “Cremos nas posibilidades que ten Foz, apostamos por outra forma de desenvolvemento lonxe da burbulla inmobiliaria e da compra de pisos como segunda vivenda. Apostamos por converter a Foz nun referente como o son outras vilas nas que goberna o Bloque. Pensemos no desenvolvemento urbanístico, nos servizos sociais e a política cultural de concellos como Allariz, Pontevedra ou aquí cerca Riotorto, Mondoñedo e Ribadeo”, puxo como exemplo a seguir.

Proxecto de país, non meramente localista
A cabeza de lista do Bloque rexeitou asimesmo “opcións localistas e curtoplacistas”. ”Somos o BNG, unha organización nacionalista que defendemos desde os concellos os nosos dereitos colectivos como nación. Iso quere dicir que defendendo os intereses das veciñas e dos veciños de Foz nunca perdemos de vista que formamos parte dunha nación, a galega, que loita polos seus dereitos. Non somos, polo tanto, unha candidatura localista centrada únicamente no local con exclusión de todo o demais”, explicou. “Cremos tamén, no BNG, na necesidade de confiar nas nosas propias forzas para resolver os nosos problemas. Nestes tempos nos que algúns buscan referentes que veñen de fora, debemos ter claro que o noso futuro está nas nosas mans e que ninguén vai vir de Madrid sacarnos as castañas do lume”, afirmou.

“O BNG é unha garantía de seriedade e honradez”
Seivane dixo que recolle “o testigo dos compañeiros e compañeiras que levan traballando todo este tempo atrás con honradez, constancia e adicación continua e comprometémonos a seguir os seus pasos con traballo colectivo e organización primando a participación cidadá como sempre fixo o BNG. Recordade que no Concello de Foz aprobouse en Pleno unha moción pioneira presentada e defendida polo BNG sobre a implicación e participación dos veciños e veciñas na xestión municipal. Moción que aínda arpobada nunca se aplicou”, lembrou.

E quixo agradecer ao meu antecesor, Xoán Carlos González Basanta, que pecha a lista, “o traballo inmenso que tivo que facer durante estes últimos anos, sobre todo nestes últimos tempos nos que o Consello estivo á deriva pola deixadez do goberno e dos outros grupos da oposición que foron incapaces de poñer por diante os interes xerais, e sempre leados coas súas loitas internas”.

Residencia da terceira idade de xestión pública
Finalmente, defendeu que “na actualidade é necesario que nun Concello como Foz se primen os servizos sociais públicos e accesibles para todo o mundo. Como a Residencia da terceira idade de Foz e a súa xestión pública, que foi un proxecto do Bloque e que agora intentan vender outros. Porque cremos nos servizos públicos de calidade que son garante da igualdade entre as persoas e porque non estamos dacordo coas privatizacións para favorecer os intereses das empresas amigas. O mesmo cos servizos sanitarios, polos que tanto tempo levamos loitando en Foz. Porque nós, os do BNG, non somos de prometer senón de nos comprometer”, concluíu.

Exit mobile version