Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez Barcia repite como candidato do BNG á alcaldía de Ribadeo “cunha lista representativa dos diferentes sectores”

A candidatura do BNG de Ribadeo ás eleccións municipais do vindeiro 24 de maio de 2015 foi presentada este sábado 21 de marzo no Parador de Turismo de Ribadeo. No acto estiveron presentes Fernando Suárez Barcia, candidato á alcaldía, xunto cos membros da candidatura, e Ana Ermida, responsábel comarcal do BNG na Mariña, e Antón Veiga, vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Lugo.

É unha lista composta por 25 homes e mulleres. 17 titulares e 8 suplentes. É unha lista representativa de persoas da Vila e do campo. Unha lista de homes e mulleres que representa os diferentes sectores laborais, económicos e de movementos sociais, deportivos, culturais, etc. de Ribadeo. Que conta con xente orixinaria doutros concellos cercanos ao noso pero que Ribadeo, como capitalidade comarcal foinos atraendo a nivel laboral, residencial, etc. e hoxe en día son uns mais de nós.

Esta lista que se presenta, está conformada a modo de cremalleira, onde temos o mesmo número de persoas por razón de xénero, porque cremos na igualdade de dereitos entre o home e a muller.

Trátase tamén con esta proposta de combinar a experiencia e a xuventude. Non só pola idade, que tamén, senón porque hai xente que repite pero tamén se incorporan novas persoas, moitas delas que nunca participaron da política activa, co obxectivo de repartir mellor o traballo e aportar novas ideas para Ribadeo.

Tamén se quixeron achegar nesta lista a idea de sumar diferentes visóns do nacionalismo e do galeguismo político, porque se queren superar situacións desagradables de escisión e desencontros que se deron no pasado recente en todo o país. Faise isto así, porque desexamos que en Ribadeo prenda a chama da acción común para defender o noso país, a nosa xente, a nosa identidade e mais os nosos sectores produtivos cunha soa voz e cunha acción coordinada.

Para Ana Ermida, responsábel comarcal do BNG, foi un orgullo presentar a candidatura do BNG de Ribadeo para as Eleccións Municipais de maio de 2015. Segundo Ana Ermida, esta lista de homes e mulleres representan a honestidade, o traballo e a solvencia para o Concello de Ribadeo. O BNG é quen de seguir apostando por Ribadeo, cunha receita tan simple como continuada no tempo: planificación, capacidade de traballo, boa xestión e honradez. E por suposto, orgullo de ser ribadenses e galegos.

Pola súa banda, Antón Veiga destacou o importante labor levado a cabo desde o Concello de Ribadeo e o apoio que desde as áreas de goberno xestionadas polo BNG na Deputación se lle dou a este concello. Proxectos como o pavillón de deportes e a residencia da terceira idade non serían posibles sen o empeño do pobo de Ribadeo e sen o esforzo económico levado a cabo desde a Deputación de Lugo e o propio concello de Ribadeo. Precisamente esa maneira distinta de facer política, de apostar polos servizos públicos, de apoiar a sanidade pública, un ensino de calidade, e de defender aos que sofren a inxustiza (como no caso dos afectados polas preferentes e subordinadas) é o que nos move, segundo palabras de Antón Veiga, a seguir loitando por unha sociedade máis xusta, por un país capaz de dar resposta aos seus problemas sen necesidade de que dende fóra nos veñan aportar solucións máxicas. O traballo en concellos como o de Ribadeo, Mondoñedo ou Riotorto, Allariz, Carballo ou Pontevedra, é o noso facho que mostra ao resto do país a nosa maneira de facer política. Fagamos que eses exemplos se irradien por novos concellos e se estenda máis esta maneira de defender o noso con políticas centradas en Galiza e non pendentes dos designios dalgúns despachos madrileños.

A intervención de Fernando Suárez Barcia centrouse no labor levado a cabo neste mandato. Segundo Suárez Barcia, “hai catro anos recibimos o encargo de sacar adiante o Concello de Ribadeo. O apoio recibido foi maioritario. E procuramos xestionalo co mesmo espírito de diálogo que nos caracterizou sempre”. Fixo referencia ao novo número do Parladoiro que estes días está a chegar ás casas de toda a veciñanza. Nel bótase unha ollada ao traballo feito. Recoñécese que algunha cousa quedou por facer, pero en conxunto ben se pode dicir que a realización dos obxectivos marcados está bastante avanzada (como é o caso da residencia da Terceira Idade) ou totalmente cumprida (como foi a aprobación definitiva do PXOM, a construción dun novo pavillón de deportes, a peonalización de moitas das nosas rúas e unha promoción de Ribadeo como nunca ata agora se lograra)

Segundo Fernando Suárez Barcia, toca agora tirar conclusións, tanto á veciñanza sobre o labor feito, como ao propio equipo de goberno. Este, vese con folgos para seguir sacando adiante novas ideas que foron xurdindo ao longo deste mandato. Algúns compañeiros e compañeiras piden o relevo. Outros están dispostos a sumarse a este proxecto. Preséntase hoxe unha lista renovada en parte, e que en parte achega a experiencia acumulada ao longo destes anos.

LISTA DO BNG DE RIBADEO PARA CONCURRIR ÁS VINDEIRAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS DE MAIO DE 2015

1-.Fernando Suárez Barcia
2.-Mari Luz Álvarez Lastra
3.-Vicente Castro Reigosa
4.-Ana María Martínez Fernández
5.-Xosé Farruco Graña Rama
6.-Sonia Meilán Vizoso
7.-David Ribas Peña
8.-Paz Ermida Igrexas
9.-Jorge Díaz Freije
10.-Vanesa Yanes Rivas
11.-Horacio Cupeiro Rodríguez
12.-María Teresa González Piñeiroa
13.-Pablo Vizoso Galdo
14.-Paz Ramil Maseda
15.-José Rocha Fernández
16.-Teresa Díaz Estevez
17.-Martín Graña Pérez

Suplente 1º.-Andrea Martíns Fernández
Suplente 2º.-Marcos Fernández Fernández
Suplente 3º.-Rocío Díaz Mesa
Suplente 4º.-Pedro Fernández Villamil
Suplente 5º.-María Dolores García Docobo
Suplente 6º.- José Luís Baamonde Reigosa
Suplente 7º.-Alicia Sarmiento González
Suplente 8º.-José Antonio Ramil Acebo

Exit mobile version