“Pedazos de mi alma”, de Rosa María Fidalgo Vérez, colocouse esta semana entre as obras de relatos máis vendidas en fala hispana do portal literario Amazon. Baixo o pseudónimo de Rhodéa Blasón, o éxito literario chégalle á autora tras unha vida dedicada ó xornalismo e á publicidade. Aínda así, a pesar de exercer o xornalismo tamén estudou Antropoloxía Social e Teoloxía na escola diocesana, axudándolle a ter unha visión global da complexidade humana. Ten traballado en diferentes medios de comunicación de prensa e radio, foi directora nos 80 de “Paralelo 44” na Cadena Cope un programa dedicado á xente do mar e redactora no Progreso e posteriormente na Voz de Galicia e Antena 3 onde dirixiu “Mar Rizada” ata o ano 2009 cando, sendo a delegada da Axencia EFE na Mariña, unha grave enfermidade a separa da primeira liña da información dedicándose desde entón por completo á creación literaria. O vindeiro paso da escritora será a presentación deste libro o 10 de abril na Librería Trama de Lugo da man de Paco Rivera, un dos grandes xornalistas lucenses.