Cervo, 23 de marzo de 2015.- As obras de acondicionamento e remodelación da Casa do Mar de San Cibrao para poder instalar nela o Punto de Atención á Infancia xa están en marcha. En concreto, vaise actuar na planta baixa, en 206 m2 de superficie, e tamén na zona exterior, en 115 m2, uns espazos que se van adecuar a este novo uso cumprindo a normativa de centros infantís e urbanística.
O proxecto vai ser financiado polo Concello de Cervo con fondos propios, que vai investir un total de 72.800 euros. Ao remate das obras, o PAI poderase trasladar dende a zona do faro á Casa do Mar, “nunha situación máis céntrica e cunhas instalacións modernas e de calidade, deseñadas especificamente para a educación infantil” asegura o alcalde, Alfonso Villares, que presentou o proxecto xunto á edil de Educación, Pilar Armada.
Hai que destacar que o Concello xa tiña preparado o proxecto para levalo a cabo de forma inmediata en canto tivese o permiso do Goberno do Estado para utilizar a Casa do Mar. De feito, a comezos do mes de marzo o alcalde asinaba o acordo de cesión e pouco despois daban comezo as obras.
O rexedor asegura que “a nosa intención é que antes de que remate o curso, o PAI poida estar funcionando na nova ubicación”. Para iso “imos traballar para que a empresa axilice as obras, pero sempre garantindo a súa calidade e adecuación ao proxecto”.
Proxecto
O proxecto para remodelar este inmoble inclúe unha importante redistribución do espazo atendendo ao novo uso que se lle vai dar, a reforma dos baños, a creación de zonas de hixiene infantil para as aulas, obras na instalación de fontanería e saneamento, a mellora dos acabados no chan, as paredes e o teito ou a dotación de mobiliario e equipamento.
Patio exterior
Ao mesmo tempo, o PAI disporá dun parque exterior, que será acondicionado e valado aproveitando un espazo anexo á Casa do Mar. Ademais, abrirase un oco na fachada que comunicará o interior con este patio a través dunha rampla. Cabe destacar que, ao tratarse dun espazo dedicado á educación infantil, contará con todas as medidas de seguridade e protección que establece a normativa
1.164 m2 para servizos e actividades
Villares destaca que agora que o Concello dispón da Casa do Mar, traballarase para mellorar e ampliar o servizos municipais que se prestan. De feito, despois da cesión ábrense novas posibilidades ao contar con máis de mil metros cadrados de espazos e nunha situación céntrica.