Cervo, 19 de marzo de 2015- O Concello de Cervo está pagando aos seus provedores en menos de 10 días. Un dato que, ademais, indica que é o concello da provincia que máis rápido paga aos provedores e o segundo de Galicia.
O goberno local deu a coñecer esta información despois de que o Ministerio de Facenda publicase os datos oficias do período medio de pago a provedores dos concellos galegos correspondentes ao último trimestre de 2014.
Desta maneira, o Concello de Cervo non só está cumprindo a lei de morosidade, que establece que o pago a provedores debe facerse nun prazo máximo de 30 días dende a entrada da factura no Rexistro Municipal, senón que “está axilizando o pagamento e reducíndoo ao mínimo”, asegura a edil de Facenda, Yolanda Pedreira. Unha tramitación que “beneficia ao tecido comercial e empresarial e favorece o seu desenvolvemento”.
Ao mesmo tempo, Pedreira lembra que o Concello leva tempo estando ao día no pagamento ás empresas subministradoras, deixando a cero a débeda cos seus provedores, que no ano 1999 era de 2,1 millóns de euros.
Polo tanto, esta situación é resultado “dunha política económica seria e rigorosa, que nos permite ser máis eficientes á hora de xestionar os cartos públicos e destinar máis fondos ás políticas sociais que son as que estamos priorizando no Concello de Cervo”.