No que se refire á partida de ingresos, a suma dos impostos directos, indirectos e taxas e prezos públicos pasan de 4.011.448 de euros en 2014 a 3.869.525 euros. Dito doutro xeito, o que vai recadar o Concello en 2015 supón un 3’6% menos ca en 2014. Isto quere dicir que os cidadáns de Burela en conxunto deixarán de pagar un total de 142.000 euros con respecto ao ano anterior, o que significa unha media de 14’5 euros por habitante.
González Barcia afirmou: “isto demostra que o que dixemos no seu día o cumprimos. Dixemos que íamos baixar os impostos, as taxas e os prezos públicos e iso é o que estamos facendo, xa que en conxunto vamos pagar menos ca en 2014”.
Segundo se desprende dos datos que figuran nos presupostos, os impostos directos baixan un 1’6% e as taxas e os prezos públicos baixan nun 6’5%. “Estamos deixando nas mans dos cidadáns 142.000 euros, máis o que deixa de subir en conxunto o IBI, a contribución, tal e como anunciamos que íamos facer, e isto comezarán a notalo os cidadáns en breve. Sabemos que non é unha gran baixada pero o feito é que os impostos, en vez de subir, baixan”, explicou o rexedor.
O alcalde burelés dixo que “en cambio, as transferencias correntes, ou sexa, os ingresos derivados fundamentalmente da participación nos tributos do Estado, increméntanse en 144.700 euros, pasando dos 2.394.464’61 euros do 2014, a un total de 2.539.168’33 euros, o que supón un aumento do 6%, que compensa a baixa de ingresos derivados dos impostos directos e indirectos, e das taxas e prezos públicos, tal e como prevíamos desde o equipo de goberno”.
No que se refire aos gastos, os gastos social e educativo suman practicamente o 30% do total, “o que demostra a sensibilidade deste goberno municipal”. Barcia afirmou que “só o gasto social ascende a 1.367.521 euros, e o gasto educativo a 545.016 euros, o que fai un total de 1.912.53 euros”.
Se ben é certo que os investimentos reais e as transferencias de capital roldan os 345.000 euros, o 5’25% do presuposto, Barcia, que recoñeceu que “non é unha cantidade moi grande”, afirmou que “se contemplan partidas para facer os novos vestiarios do campo de fútbol de herba artificial da Marosa, que temos que recoñecer que non fomos capaces de facelos nos prazos que eu mesmo dixen, pero que se construirán, e tamén para abordar a parte correspondente ao Concello da construción da nova escola infantil. Hai que dicir que o incremento do presuposto municipal do presente ano queda absorbido totalmente pola achega municipal para facer a nova escola infantil”.
O alcalde engadiu que “con todo existe partida suficiente en gasto corrente, practicamente a mesma cantidade que o ano pasado, ou sexa case que dous millóns setecentos mil euros, para atender o mantemento e conservación de todo aquilo que é da nosa competencia”.
No tocante ás subvencións, González Barcia indicou que “un ano máis, o equipo de goberno, cumprindo a palabra dada, mantén as subvencións, o que significa un esforzo importante para a economía municipal. Cando o presuposto estea aprobado definitivamente, poñerémonos a traballar para redactar e asinar os convenios coas distintas asociacións e colectivos”.
No apartado de débeda, o alcalde manifestou que “a contía total que se destina a este concepto no presente ano ascende a 480.562 euros. Se non tivéramos que abonar o crédito das facturas que outros deixaron sen pagar, e se non tivéramos que pagar a débeda do goberno socialista de Cervo anterior á segregación, a situación sería sensiblemente mellor”.
Finalmente, González Barcia afirmou que “o presuposto cumpre cos obxectivos básicos que este goberno se fixou hai catro anos: non gastar máis do que se ingresa, pagar o que se debe e canto antes, atender preferentemente os servizos sociais e educativos, manter e conservar as infraestruturas coas que contamos en condicións, e tamén baixar os impostos, como queda demostrado con este presuposto. Se ben é certo que temos un pequeno problema no cumprimento da regra de gasto, algo que se corrixirá entre este ano e o próximo, os presupostos de 2015 nos permitirán, baixando impostos, manter o nivel de servizos que temos, que é moi alto”.