Cervo, 20 de marzo de 2015-A secretaria xeral de Turismo, Nava Castro, estará presente na XXIV Festa do Ourizo que se celebra este sábado en San Cibrao. A responsable de Turismo na Xunta de Galicia clausurará as XV Xornadas Técnicas sobre o ourizo a partir das 13.30 horas que inclúen un show cooking con catro cociñeiros estrela Michelin.
O Concello de Cervo quixo aproveitar para agradecer a Nava Castro a súa participación nesta festa e tamén destacou o apoio continuado da Xunta de Galicia a esta celebración de Interese Turístico Galego ao igual que ás outras dúas festas con esta distinción que hai no municipio.
“A colaboración da Xunta é fundamental para celebrar esta festa e poder crecer cada ano así como ofrecer novidades aos veciños e visitantes” asegura o alcalde, Alfonso Villares, que valora tamén “a aposta do Goberno galego pola Festa do Ourizo e por outras celebracións ou iniciativas que pon en marcha o Concello para apoiar ao sector turístico”.