Logo de catro anos de anquilosamento institucional dun goberno accidental como é o da vila de Foz, pálpase unha inusitada pulsión de renovación, unha imperiosa necesidade de alternancia cara a novos postulados que dean unha saída ao desencanto político instaurado.
Unha nova etapa que abrir á historia de Foz na que o mandato veciñal se fixe como contrapoder imprescindible aos partidos tradicionais cuxo centro de decisión nin tan sequera reside no pobo. Como o abandono do Alcalde de Foz do liderado das protestas a prol da mellora da Carretera da Costa, na que a veciñanza organizada está levando as rendas de maneira exemplar.
Unha iniciativa veciñal que decida mediante procesos participativos, mellorando a calidade democrática, os grandes asuntos que atañen o seu futuro. Como o Plan Xeral, os presupostos, o sistema de basuras ou a depuración de augas.
Un novo tempo para a ética e para a coherencia democrática, instaurando novas formas de facer política como a limitación de mandatos na representación pública ou o compromiso de liderar con efectividade a entrada de novas caras na política, que boa falta fai.
Por todo isto e moito máis, a veciñanza de Foz estase a dispor entorno a unha nova realidade política que porá o Concello de Foz ao servizo das súas xentes, unha nova iniciativa onde se está a fraguar día tras día o futuro, e a esperanza dun auténtico cambio de época.
LUIS ALFONSO SIXTO LEGASPI
Candidato á alcaldía de Foz de Foz, Plataforma de Futuro