A Xunta de Goberno deste luns aprobou novas actuacións na provincia por valor de 1.421.000 euros, que responden ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou “os cidadáns pediron á Deputación que crease traballo en sectores punteiros na provincia e hoxe aprobamos un plan de emprego sobre agricultura ecolóxica no Valadouro; que potenciase os servizos sociais e acordamos dotar a Monterroso de instalacións públicas para dependentes asistidos; que potenciase os recursos naturais, o patrimonio e o Camiño para xerar riqueza e vamos a mellorar as Pallozas, colaborar coas excavacións no Museo de Arxeríz e poñer en marcha a quinta edición de Termalismo no Camiño; que mellorase dotacións públicas no rural como as traídas de auga e vamos a acondicionar a de Torallo; ou que potenciase as infraestruturas como as que vamos a acondicionar en Vilalba e O Corgo. Tamén fixeron peticións concretas como á da Sociedade Protectora de Animais e Plantas. Os veciños fixeron as súas propostas e a Deputación responde ás mesmas”.
As 9 actuacións aprobadas na sesión de hoxe en resposta ás peticións dos veciños son:
1.- Aprobación do proxecto e posta en marcha do proceso de contratación das obras na estrada LU-P-1613 de Vilalba a Camposo de Foxo de Penamaior e rampa de Xermade, por valor de 401.300 euros. Trátase da vía que une Vilalba coas Pontes. As melloras, que foron solicitadas polos veciños na Xuntanza Participativa polo partido xudicial vilalbés, afectarán a 6,6 quilómetros. Concretamente, dende o punto quilométrico 2,590 ao 9,200. Consisten no acondicionamento do firme con aglomerado en quente, renovación da sinalización horizontal e vertical, e na reapertura e limpeza de cunetas.
2.- Aprobación do proxecto e posta en marcha do proceso de contratación das primeiras obras de mellora na estrada LU-P-1602 de San Cristobal por Adai á LU-106, por valor de 272.700 euros. Martínez salientou que “con estes traballos saldamos unha débeda histórica da Deputación cos veciños do Corgo, que levan anos reclamando estas actuacións, e que o anterior Goberno Provincial do Partido Popular lles prometeu, pero nunca executou. Os populares incluíron estas obras no famoso plan dos 50 millóns de euros, cando non contaban nin co orzamento necesario nin coas imprescindibles expropiacións por lei para poder realizalas. Este Executivo provincial fixo, en primeiro lugar, as expropiacións, investindo 390.000 euros. Agora, con estes 272.700 euros de fondos propios, poñemos en marcha a primeira fase de mellora desta estrada. Posteriormente, levaremos a cabo novas fases ata completar o arranxo da totalidade da vía”. As primeiras obras de mellora afectan ao treito comprendido dende o comezo do vial e ata o punto quilométrico 1,540. Consisten na mellora do firme con aglomerado en quente, eliminación de curvas, ensanche da calzada nun metro, pasando dos 7 aos 8 metros; e renovación da sinalización horizontal e vertical.
3.- Contratación das obras de reparación dos teitos das Pallozas do Piornedo, por valor de 84.000 euros. O voceiro lembrou que “se tratan duns traballos moi demandados polos veciños debido ao grave deterioro que sofren estas edificacións declaradas BIC dende que a Xunta de Feijóo lles suprimiu as axudas anuais de 26.000 euros, incumprindo coas competencias que lle outorga a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia”. O artigo 2 desta normativa apunta textualmente: correspóndelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de interese de Galicia. “Ante o abandono da Xunta, en resposta ás peticións dos veciños para a posta en valor do patrimonio e aínda non ter as competencias, a Deputación impulsou un convenio de colaboración co Goberno galego para o arranxo das Pallozas, no que incluímos, a iniciativa desta administración, a dotación dos servizos de saneamento e alumeado do Piornedo. Todo isto cun orzamento de 260.000 euros, dos que a Deputación achega o 65,5%, é dicir, 160.000 euros; mentres a Xunta, responsable legal das Pallozas, aporta o 34,5% restante, sendo unha subvención de 100.000 euros, financiados nun 80% pola Unión Europea. A Deputación non só achega máis cartos, senón que tivo que facerse cargo da redacción dos proxectos e da contratación das obras, ante a falta de compromiso e desidia do Executivo de Feijóo. Tal e como establece a lei, para poder adxudicar as obras é necesario contar con todos os permisos legais necesarios. Na mesma semana na que a Deputación recibiu as derradeiras licencias para poder actuar nas Pallozas, a institución luguesa publicou no BOP o contrato para o arranxo dos tellados; obras que hoxe se adxudican logo de transcorreren os 26 días legais para a presentación de ofertas das empresas. Unha vez acadados os permisos das obras de saneamento e alumeado no Piornedo poderemos facer o mesmo, posto que xa temos listo o prego e o expediente deste contrato”, apuntou.
4.- Aprobación do proxecto de obras de mellora no abastecemento de auga da parroquia de Torallo, en Becerreá, por valor de 70.000 euros. Son unhas actuacións moi demandadas polo medio cento de familias desta parroquia debido aos cortes no subministro. Trátase, ademais, dun núcleo eminentemente gandeiro, onde se sitúan ducias de explotacións. A mellora das dotacións públicas no rural, como o caso concreto desta traída de auga, foi unha das peticións máis escoitadas nos Orzamentos Participativos, á que a Deputación tamén responde a través do plan de impulso ao rural, que contempla subvencións para este fin.
5.- Aprobación da quinta edición de Termalismo no Camiño. “Nas Xuntanzas Participativas pedíronnos a reedición desta programación logo do éxito de participación nas catro anteriores edicións, nas que 4.000 lucenses maiores de 55 anos desfrutaron de descontos en tratamentos termais nos 4 balnearios da provincia, situados ao pé do Camiño. É dicir, o da capital luguesa, Guitiriz, Palas de Rei e Pantón. Ofreceremos agora outras 1.200 prazas subvencionadas nos establecementos que resulten beneficiados desta programación, achegando para elo 72.000 euros”, explicou Martínez.
6.- Aprobación do último trámite, o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo, para a execución de obras de mellora na sede da Protectora de Animais e Plantas de Lugo, que suporán a ampliación destas instalacións. Estas actuacións, ás que a Deputación achega 21.000 euros, responden á petición deste colectivo sen ánimo de lucro.
7.- En resposta ás peticións dos veciños na Xuntanza Participativa polo partido xudicial de Monforte para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico e xerar riqueza, a Xunta de Goberno aprobou colaborar coa Fundación Xosé Soto de Fión na nova campaña de excavacións no Museo de Arxeriz, achegando 35.000 euros.
8.- Aprobación do convenio de colaboración con Monterroso para financiar con 250.000 euros as obras de rehabilitación do inmoble a carón da residencia e do centro de día públicos deste municipio para crear unhas novas instalacións, tamén con carácter público, onde prestar servizo a dependentes asistidos. O conxunto destas tres dotacións integrarán o Fogar Residencial de Monterroso, que ofrecerá a maiores con autonomía ou dependentes un mínimo de 45 prazas, dando emprego, ademais, a unhas 15 persoas. O 12% dos veciños que participaron na elaboración do Orzamento 2015 pediron investimentos en servizos sociais, coma este en Monterroso.
9.- En resposta ás peticións dos veciños na Xuntanza Participativa polo partido xudicial de Mondoñedo para o impulso do emprego e a agricultura ecolóxica, a sesión acordou un convenio de colaboración co Concello do Valadouro para a posta en marcha dun plan de traballo que ofreza formación e prácticas neste sector. A Deputación achega 215.000 euros.