Asociación Mulleres de San Ciprián.- Cúmprense entorno a quince días desde que a figura dunha costureira, interpretada a través dunha escultura de metal, preside a nova praza dos Campos de San Ciprián e desde a asociación promotora desta iniciativa queríamos aproveitar para dar as grazas a todos aqueles que nos acompañaron.
Empezando polo autor: Telmo Cao Farré. Todo un acerto. Nós tíñamos claro que debía ser unha persoa do pobo, quen dera forma a este ambicioso proxecto que financiamos en exclusiva con recursos propios da asociación e, polo tanto, que implicaba un gran esforzo e moitísima ilusión.
Creo que o resultado foi inmellorable: que as mans expertas deste artista perfilaron con acerto a interpretación dunha de tantas costureiras que, a finais do século pasado, constituían o oficio máis habitual entre as mulleres de San Ciprián. As grandes curvas, emulando os retallos de tea, a agulla… Homenaxe inmortal ás mulleres traballadoras que construíron o noso pobo.
Grazas tamén ao Concello de Cervo, ao seu alcalde, que aceptou a cesión da escultura e ás autoridades institucionais que nos acompañaron, aos integrantes doutras asociacións do noso pobo e contorna. Invitamos a todos os partidos políticos, colectivos e veciños, e os que quixeron estiveron pendentes, porque desde o mesmo momento da súa inauguración a figura da costureira pasaba a ser patrimonio colectivo.
A imaxe da costureira responde con fidelidade á un dos oficios máis característicos da península da paz, moito antes da chegada da multinacional do aluminio. Pero hoxe, tantos anos despois, poderían ser moitas as imaxes, e moitas as profesións que representen ás nosas mulleres traballadoras.
Por esta razón vemos con maior optimismo un futuro no que a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres non sexa un reto por conseguir, no que a conciliación laboral e familiar sexa unha realidade, cada vez máis presente. Quizá, quen sabe, fío tras fío, a figura da costureira sirva para lembrarnos estes bos desexos, e ir cosendo, ir unindo, neste obxectivo ao todos os pobos.
Directiva da asociación Mulleres de San Ciprián.