A titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou que Carmen Durán é especialista FIR en Farmacia Hospitalaria, e doutora en Farmacia, e que traballou no ámbito da atención primaria, subliñando que conta cunha importante traxectoria investigadora e de xestión. Así, entre outros cargos, foi coordinadora de Farmacia da entón Xerencia de Atención Primaria de Santiago, pasando, coa xestión integrada, a ser coordinadora de Farmacia Extrahospitalaria, ademais de ser membro de diferentes grupos de traballo e comisións.
Tamén destacou que foi investigadora, tanto colaboradora como principal, en diversos proxectos de investigación, ademais de autora de numerosas publicacións en revistas científicas. Así mesmo, foi relatora de máis de 40 comunicacións en congresos.
Igualmente dixo que, dende a posta en marcha da Xerencia Integrada de Santiago, participou no equipo directivo da mesma.
Ademais da súa extensa experiencia laboral, a conselleira destacou a vertente participativa da nova xerente executiva, posto que foi docente en diferentes actividades formativas, entre elas máis de 40 cursos na Escola Galega de Administración Sanitaria, e colaborou no Plan Estratéxico da Sociedade Española de Farmacia de Atención Primaria.
Avanzar na ampliación do hospital
Rocío Mosquera sinalou que Carmen Durán conta cun gran reto “como é cumprir o compromiso de avanzar no proxecto de ampliación do Hospital da Mariña”. Queremos que o novo hospital, -dixo a conselleira-, “resulte confortable e funcional tanto para os traballadores como os pacientes e familiares que a el veñen, así como adaptable ás necesidades actuais e futuras”. En definitiva, -remarcou a titular da carteira sanitaria-, “un hospital de calidade”.
A conselleira reafirmou a súa aposta explícita pola xestión integrada, posto que amosouse convencida de que “é a mellor ferramenta para conseguir a continuidade asistencial, organizar e xestionar os recursos ao redor do paciente, e achegar a atención á cidadanía de forma individualizada, efectiva e eficiente”.
“Os feitos e non as palabras son os que marcan a realidade”, -proseguiu a conselleira-, “e a realidade di que o hospital crece e nestes dous anos de xestión integrada medrou significativamente”. De xeito particular destacou a posta en marcha da Hospitalización a Domicilio e o Hospital de Día Onco-Hematolóxico. Tamén mellorouse a dotación en aparataxe clínica e a dotación de persoal.
Outras melloras sinaladas pola conselleira foron a implantación do triaxe Manchester en Urxencias; a renovación da unidade de Endoscopias Dixestivas; a dotación de laparoscopia no servizo de Uroloxía; a obra da unidade de Rehabilitación; a reforma do servizo de Farmacia; a unidade de retina do servizo de Oftalmoloxía; a implantación dos protocolos de integración con atención primaria de patoloxía do xeonllo e da teleconsulta de Retinografía; a dotación da aula de informática; a caldeira de biomasa ou a renovación da área de quirófanos e esterilización.
Magníficos profesionais
“Temos que seguir apostando por este hospital pensando sobre todo na cidadanía da Mariña, pero tamén nos magníficos profesionais con que conta”. Proba da excelencia e da capacidade de traballo que teñen o demostran os indicadores de actividade. A modo de exemplo a conselleira destacou, nestes cinco anos, que a espera media cirúrxica no hospital reduciuse en 37 días, pasando dos 96 en 2009 a 59 en 2014; ano no que se realizaron aquí 2.725 intervencións cirúrxicas, 700 máis que no 2009. Tamén as consultas hospitalarias incrementáronse en máis de 11.000, pasando de 100.815 a 111.817. “Parabéns a todos por estes excelentes resultados”, -subliñou a conselleira-.
Para terminar as súas verbas, Rocío Mosquera insistiu en non conformarse con estes bos indicadores e subliñou o seu desexo de potenciar máis o hospital para que os profesionais poidan prestar aos pacientes un servizo de altísima calidade aquí na Mariña.
Sinalar, por último, que o acto de presentación, que tivo lugar no salón de actos do hospital, contou coa presenza do xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa; do xerente de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, Antonio García Quintáns; e do xerente saínte; Francisco Soriano.