Burela, 26 de febreiro de 2015. O comité executivo do padroado da Fundación Expomar está a traballar na organización das xornadas técnicas e dos encontros profesionais, que se celebrarán en maio coincidindo coa XVI Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar.
O alcalde burelés e presidente da Fundación Expomar, José Mª González Barcia, indicou que se trata “dunha reunión do comité executivo do padroado da Fundación Expomar, no que está representado o sector náutico pesqueiro, a Consellería do Medio Rural e do Mar, Capitanía Marítima, a Organización de Produtores Pesqueiros, ABSA, a confraría de pescadores, o Concello. É o órgano encargado da organización das xornadas técnicas e dos encontros profesionais, que se celebran todos os anos e nesta ocasión coinciden coa 16ª edición da feira”.
González Barcia dixo que “a reunión de hoxe é fundamentalmente para poñer enriba da mesa os temas que máis lles interesan e afectan aos representantes do sector. Hai asuntos que son sempre recorrentes, como os relativos a cotas, descartes ou a comercialización, etcétera, que se abordarán eses días. E aparte dos temas que se analizarán tamén se abordou a busca de relatores, porque loxicamente queremos que os conferenciantes que veñan a Burela para participar nestes eventos sexan do máis alto nivel. Para iso contamos coa colaboración da Xunta de Galicia e do Goberno Central; e probablemente contemos coa participación de relatores do mundo da investigación e universitario”.
O comité executivo do padroado da Fundación Expomar seguirá a traballar nas vindeiras semanas na organización destes eventos.