A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, destacou a implicación dos mariñanos de todas as idades coas novas tecnoloxías, especialmente no caso dos veciños de Viveiro, ata onde se achegou este luns, acompañada polo Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. Méndez mantivo un encontro con algúns dos participantes no proxecto Memoria Dixital TIC TAC, que se está a celebrar na Residencia Geriatros de Viveiro.
Lara Méndez subliñou que “o uso que os veciños da Mariña e, neste caso os de Viveiro, están a facer das novas tecnoloxías é exemplar e confirman que a aposta que a Deputación leva feito dende 2007 por estender o seu uso entre os lucenses non podería ser máis axeitada”. Viveiro foi un dos Concellos que decidiron sumarse ao programa tecnolóxico InnovaTE2: Diputación Digital, que permitiu a creación de tres puntos de acceso gratuíto e libre a Internet de 256 Kps, o máximo legal permitido para este tipo de servizos prestados polas administracións, dous no interior da Casa consistorial e 1 na praza do Concello.
Grazas a esta iniciativa, cofinanciada ao 80% por fondos europeos, dende 2011 máis de 150 viveirenses empregan a diario esta conexión segura a custe cero: máis de 3.100 accesos, especialmente entre as 11.30 e a 13.00 e as 17.30 e 19.00 horas. En canto ás páxinas máis visitadas, destaca a propia web da Deputación, seguida das redes sociais Facebook e Twitter; as páxinas de xornais que ofrecen información local; a rede de vídeos Youtube e, finalmente, xornais de información deportiva.
Memoria Dixital TIC TAC
O proxecto consiste na elaboración, grazas ás testemuñas dos participantes, todos eles maiores de 55 anos, dun rexistro audiovisual de parte da nosa historia, un banco de lembrazas no que gardar vivencias e cuxo contido será publicado nunha paxina web especialmente deseñadas para a ocasión. Así, as historias e recordos de toda unha xeración estarán ao alcance de todos e pervivirán no tempo. Neste caso, son os dos maiores da residencia Geriatros, que pasarán a formar parte dun rexistro individual da memoria a través de pequenos relatos e anécdotas e, por outra, introdúcense no mundo das novas tecnoloxías, facilitándolles o acceso directo a unha tablet, aprendendo a manexala.