O rexedor realizou unha valoración “absolutamente positiva do que supuxo esta edición de Fitur, nesta feira internacional de turismo onde Ribadeo, coma en tantas outras cousas, estivo brillando con luz propia e para ben por moitas cousas. Por exemplo no acto que houbo na Casa de Galicia, que foi masivo e marabilloso, e contou con aproximadamente unhas 300 persoas entre xente vinculada a Ribadeo e profesionais do turismo, medios de comunicación especializados e blogguers, que acudiron á nosa chamada para presentar as nosas ferramentas de traballo, coma esta nova páxina web que acabamos de crear turismo.ribadeo.org ou turismo.ribadeo.gal. Nela cun só click calquera que queira vir a Ribadeo pode ter todo tipo de información sobre o noso Concello, que facer, que comer, onde durmir e que ver en varios idiomas: castelán, galego e inglés”.
E seguiu a relatar que “ademais, ao mesmo tempo pode ter a oportunidade de preparar e planificar as súas viaxes se quere facelo nun día, en dous ou nunha semana. Facilitando así unha serie de traballo feito con antelación para non dar ningunha escusa e non deixar de vir a Ribadeo. Sabendo, iso si, que temos moitas cousas dende o punto de vista do medio ambiente, como a nosa praia máis internacional de Ribadeo e da Mariña, a pesar de que desgraciadamente non sae moito no que ten que ver co stand de Galicia en Fitur, pero en fin, eles saberán por que. Nós dende o Concello facemos incluso unha páxina web especializada nesta praia das Catedrais, na súa morfoloxía, nas mareas e en toda aquela información que calquera cidadán de calquera parte do mundo poida ter deste areal tan marabilloso”.
Suárez Barcia indicou que “todo o noso traballo non se quedou só no areal, nin moito menos, senón que fomos da man de empresarios do sector acompañándoos. Penso que todos eles están satisfeitos por como demos a coñecer Ribadeo no mundo. Estivemos falando con tour operadores, con Europavisión, con axencias de turismo en internet coma pode ser Rumbo ou con liñas aéreas como Iberia, trasladándolle a nosa iniciativa Ribadeo Eventos para facer eventos non só na época máis álxida, durante xullo e agosto, senón durante todo o ano. Fixémolo posto que Ribadeo é un lugar perfecto para vir de vacacións, para facer eventos, para facer simposios ou para facer xuntas de empresas ou de colexios médicos ao longo de todo o ano. Tamén estivemos con novas liñas aéreas coma as turcas, que están abrindo mercado e operando en Santiago e Bilbao, ademais de estar abrindo unha liña con Oporto”.
O alcalde ribadense engadiu: “ademais, quixemos estar presentes e reafirmar o noso compromiso con TripAdvisor , este portal de internet que valora tamén destinos turísticos e que nos ten sempre moi ben posicionados en todo o que ten que ver coa praia das Catedrais, pero a quen queremos vender é a Ribadeo coma un todo, coma un pequeno mundo ou un pequeno universo onde hai praia, hai natureza e hai unha calidade magnífica onde durmir e onde comer. Por iso, estivemos traballando arreo con Acisa e cos hostaleiros, a miña compañeira de Turismo, Ana Martínez, as técnicas de turismo e eu mesmo, para posicionar a Ribadeo no mundo e para lograr que Ribadeo brille con luz propia. Empregando un símil: uns están indo en Feve e nós, con todas as modestias que vaian por diante, estamos intentando ir en Ave”.