O mércores 4 de febreiro terá lugar no pavillón de “Os Castros” (en Burela) ás 15.30 horas, un partido de fútbol sala entre os usuarios da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña e os mozos da localidade que adestran asiduamente con eles.
Esta actividade enmárcase dentro do proxecto “Facemos equipo pola saúde mental?”. Este é un proxecto sobre a integración das persoas con enfermidade mental a través do deporte que foi gañador do I Premio José Luís Muruzábal a experiencias innovadoras no ámbito sociolaboral e/ou socieducativo en persoas con enfermidade mental. Un xurado de carácter multidisciplinar resaltou o uso do deporte como ferramenta integradora, a promoción de hábitos de vida saudables, a visión inclusiva da experiencia, o seu efecto multiplicador, o amplo número de concellos aos que chega así como que a experiencia actúa como xerme de novos proxectos.
Con esta actividade queremos contribuír á continuidade do proxecto e organizar unha tarde especial a través do deporte. Para iso contaremos coa colaboración do C.D. Burela F.S. a través dos seus xogadores Iago Míguez e Maite e un árbitro profesional que participarán activamente no partido, o que implica unha motivación e ilusión aínda maior de todos os participantes. Ademais con este tipo de accións contribúese significativamente á eliminación dos estigmas asociados á enfermidade mental e tamén, a unha integración efectiva na comunidade e mellora da autoestima e calidade de vida das persoas con enfermidade mental.
Ó finalizar ambos equipos compartirán unha merenda.