Site icon Crónica3.com A Mariña

Os erros históricos do PSOE

CADERNOS DA VIAXE. Pablo Iglesias fundou o PSOE no 1879. E axiña foi construíndo unha mesta organización político-sindical á que converteu nunha potente forza de masas entre 1910 e 1918. Mais logo comezarían os erros históricos desta organización. En 1923 Primo de Rivera implantou unha ditadura militar á que a maioría socialista (por proposta de Largo Caballero) lexitimou ao aceptar a súa participación no Consello de Estado. O mesmo Largo Caballero refugou, dende a súa saída do goberno-outubro do 1933- a vía institucional e democrática para pular pola vía revolucionaria, chegando dicir que cumpriría no futuro unha resposta armada e que habería ir cara ela. Nestes anos o PSOE estaba dividido entre o sector revolucionario de Largo Caballero, o centrista de Indalecio Prieto e a dereita dun meu colateral devanceiro, o profesor Julián Besteiro, de orixe galega.

Durante a II República o PSOE, fídel á súa alma xacobina, fixo o posíbel por atrancar a aprobación do Estatuto de Galicia. No 1939, Besteiro adheriu á capitulación incondicional do coronel Casado confiando en Franco como mal menor: “de certo que nos vai deixar manter viva unha UGT ao xeito das Trade Unions”. Acertou de cheo.

Indalecio Prieto, manexou de xeito abxecto uns fondos de axuda aos refuxiados españois entre 1939 e 1942, até que o Goberno mexicano, escandalizado, pasou controlar estes fondos. O mesmo Prieto que vetou a aprobación, outravolta, do Estatuto de Galicia nas Cortes de México no 1945 e tentaba vetar a Castelao como ministro do goberno republicano.

No 1976, a Federación socialista galega do PSOE case non existía. Eran Paco Vázquez, Salvador F. Moreda e outros tres. A socialdemocracia galega aliñábase no Partido Socialista Galego (PSG), fundado no 1963. O PSOE, cos cartos da Fundación alemá Friedrich Ebert, fanou dende dentro ao PSG para acadar a súa destrución, ceibando así o campo.

En maio do 2010 Zapatero rendeuse ás presións de Merkel e Sarkozy e en outubro do 2011 o PSOE pactou co PP blindar constitucionalmente o pago dos xuros da débeda a respecto dos servizos públicos do benestar. Mais o PSOE xa tiña tradición na adopción de decisións que constitúen, de seu, erros históricos.

Xoán Antón Pérez-Lema

Exit mobile version