A MARIÑA, 23 DE FEBREIRO DE 2015.- O Partido Socialista da Mariña apoia a concentración convocada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade en protesta polo novo anuncio de reforma da Lei do Aborto que terá lugar este luns ás 20.00 horas diante do Concello de Burela.
Os socialistas súmanse a esta protesta co obxectivo de denunciar que “o PP volve a invitar ás mulleres a abortar en sótanos insalubres e introduce o clasismo ante un dereito inalienable da muller como é a capacidade de decisión de ser nai ou non, co que se fomenta un incremento exponencial da mortalidade asociada á práctica do aborto non regulado”. Segundo a coordinadora comarcal –Mayra García-, “a falta de ética e o radicalismo desta lei póñense de manifesto ao preferir o sufrimento que o aborto”.
“O PP está a mentir unha vez máis ao declarar que a lei vixente prive aos proxenitores da posibilidade de acompañar e orientar as menores”, afirma. E é que a actual lei establece que, o dereito de interrupción de embaraza no caso das mulleres entre 16 e 17 anos, lles corresponde exclusivamente a elas, coa condición de que polo menos un dos proxenitores ou representante legal deberá ser informado da decisión da muller, coa excepción de que cando a menor alegue fundadamente que isto lle provocaría un conflito grave e que non garanta a súa capacidade de decisión.
Compromiso socialista cos dereitos femininos
O apoio do PSOE á protesta é unha mostra máis do compromiso dos socialistas cos dereitos das mulleres. Compromiso que xa se manifestara coa campaña promovida polo PSdeG “Que non nos toquen a lei” para esixirlle ó PP que non modificara a lei do aborto e respectara os dereitos das mulleres. “O máis importante para o Partido Socialista é garantir o dereito das mulleres a planificar a súa vida, a decidir cando quere ser nai e cando non, sen que o Goberno impoña o seu sectarismo ideolóxico negando a realidade da muller. O importante é informar á xente, e por iso, dende o PSOE da Mariña, celebramos unha charla informativa sobre a reforma que pretendía levar a cabo o PP”, destaca García.
Para os socialistas este tema é sumamente importante, non só para as mulleres senón para o conxunto da sociedade. Os gobernos socialistas deron grandes pasos para equiparar en dereitos a homes e mulleres, e por iso non se pode deixar de defender e reivindicar a igualdade para as mulleres. Non se pode permitir ningún retroceso máis nos dereitos das mulleres.
Intención do PP de lexislar a moralidade das mulleres
A intención do PP coa reforma da Lei Orgánica 2/2010, de Saúde Sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, é a de lexislar a moralidade das mulleres cun espírito imperioso e carente de fundamento, deixando sen capacidade de decisión as mulleres. Isto supón o maior retroceso para os dereitos da mulleres de toda a democracia, xa que, elimina o seu dereito a decidir sobre o seu corpo e vida, deixándoas desprotexidas, poñendo en risco a súa saúde física e psicolóxica e devolvéndoas de novo á clandestinidade.