Os populares da Deputación, que coñecen as reivindicacións dos veciños a través do goberno local, pedirán a través dunha moción actuacións en estradas como a LU-P-0204 de Carrocide por Arnela a Tremoal; así como a LU-P-0202 de San Acisclo a Oiras.
Dende o Grupo Provincial do Partido Popular deféndese que o mantemento das estradas de titularidade provincial debe ser un dos acometidos primordiais da Deputación Lugo e máis cando moitas destas vías son o principal enlace de comunicación entre os núcleos poboacionais da provincia.
Esta situación, exemplifican os populares, dáse na LU-P-0202 de San Acisclo a Oiras (Alfoz), que é a principal saída do Concello cara Foz, e que presenta un moi mal estado dende Nespereira (Carballido) ata o entronque coa autonómica que comunica Mondoñedo e Ferreira.
Nesta zona, o Grupo Provincial tamén asegura que é necesaria a reforma do enlace entre a LU-0210 de San Acisco, por Allegue, a San Antonio coa LU-152 Foz e Ferreira, co obxecto de que se posibilite un acceso seguro e acorde co transito que soporta; ao ser un importante punto de saída de camións.
A urxencia de tarefas tanto de conservación como de nova construción dáse igualmente na LU-0204 de Carrocide por Arnela a Tremoal (Alfoz), especialmente entre Lagoa e Pereiro, ao presentar unha plataforma moi estreita e un firme en mal estado. Neste caso incluso existía un proxecto elaborado polo PP na Deputación é que “foi esquecido polo actual goberno provincial”.
Estas vías necesitan “moito” o seu arranxo, polo que a Deputación Provincial de Lugo “non pode seguir dando as costas a súa responsabilidade de adecuar as estradas provinciais e debe acometer actuacións inmediatas que eviten que se ocasionen prexuízos aos veciños”.