Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro informa do peche do prazo para solicitar subvencións do programa de axuda ó alugueiro

Dende o Concello de Viveiro lembran a todos os veciños que o vindeiro 19 de febreiro de 2015 remata o prazo para solicitar as subvencións do programa de axuda ao alugamento de vivenda do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016.

Estas axudas están destinadas ás persoas máis desfavorecidas e a colectivos como familias numerosas, mulleres vítimas de violencia de xénero, vítimas do terrorismo, persoas con discapacidade e persoas afectadas por desafiuzamentos; a elas poden optar todas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

– Que a vivenda sexa o domicilio habitual e permanente do solicitante.

– Estar empadroado na vivenda arrendada.

– Que o límite de ingresos da unidade de convivencia, composta polas persoas que teñan ou vaian ter o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada, non superen 3 veces o IPREM.

– Que o solicitante non sexa titular dunha vivenda no territorio nacional.

As axudas poderán chegar a un 40% da renda anual, cun límite de 2.400 euros anuais por vivenda. As subvencións concederanse por un prazo de 12 meses, prorrogables por un ano ata a finalización do plan vivenda no ano 2016.

Para tramitar as axudas será necesario completar a solicitude anexa á resolución publicada no DOGA e xuntar a documentación requirida. A resolución será notificada antes de 3 meses e realizarase en réxime de concorrencia competitiva polo que se realizará unha baremación das solicitudes presentadas.

Todas as emendas de documentación, relación das persoas beneficiarias e importe das axudas concedidas serán publicadas na páxina web do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) (www.igvs.xunta.es).

As persoas que desexen solicitar as axudas referidas ou realizar calquera consulta ao respecto poden achegarse á Oficina municipal de Rehabilitación do Casco Antigo de Viveiro (Tel: 982562968), onde se proporcionará axuda e información ao respecto.

Exit mobile version