Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo investirá 131.000 euros no arranxo da zona infantil do parque de San Francisco

parqueRibadeo, 23 de febreiro de 2015. O Concello investirá 131.000 euros no arranxo da zona de xogos infantís do parque de San Francisco. As obras comezarán nuns días e o prazo de execución será de dous meses, segundo anunciou hoxe o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor explicou que “cunha grande ilusión estamos a traballar desde o goberno municipal de Ribadeo no arranxo da zona de xogos infantís do parque de San Francisco, que tan demandado e tan usado é polos máis pequenos e polas máis pequenas ao longo de todo o ano”. Suárez Barcia dixo que “é un parque pequeno para o que debera ter Ribadeo, pero esperemos que co novo plan xeral de ordenación municipal poidamos ter máis zonas verdes, máis superficies para facer novos parques, pero de momento o que temos é practicamente este como parque importante aquí na vila”.

O alcalde indicou que “estas obras, que darán comezo nos próximos días, ascenden a 131.000 euros de inversión, que os pon o Concello de Ribadeo de fondos propios, despois de que durante dous anos consecutivos intentásemos pedirlle axuda á Xunta de Galicia e obtivésemos a calada por resposta. Agora o que facemos é poñer nosoutros, desde o Concello, eses cartos porque consideramos que os nenos e as nenas de Ribadeo teñen dereito a ter un parque adaptado ás súas necesidades e con xogos modernos”.

Fernando Suárez sinalou que “poñeremos un pavimento novo e continuo de caucho en todo o parque, cumprindo coa normativa de seguridade para caídas, e neste novo pavimento haberá debuxos con figuras e con xogos populares. Tamén eliminaremos barreiras arquitectónicas no seu acceso e imos eliminar muros divisorios dentro do que é o parque, deixando unha superficie diáfana e libre moito máis grande para ter máis espazo para poñer novos xogos, preservando e potenciando a figura do quiosco. E despois estableceremos diferentes zonas de xogos por idades, unha parte para os máis pequeniños e outra para os máis grandes”. E engadiu: “e ao mesmo tempo imos reciclar os xogos existentes que estean en bo estado de conservación e incrementaremos con novos xogos distintos para uso e goce dos máis pequenos. Agardamos que nos vindeiros días dean comezo estas obras, que non se deberán demorar máis aló de dous meses”. Durante ese período de tempo a zona de xogos infantís do parque de San Francisco non poderá ser utilizada.

As obras contan coa pertinente autorización de Patrimonio.

Exit mobile version