González Barcia, alcalde de Burela, manifestou na súa intervención que “resulta unha magnífica idea divulgar un concello a través dunha proba deportiva que conxuga a práctica do ciclismo coa gastronomía, neste caso coa degustación de pescada de Burela, da que traen a porto os nosos barcos”.
O rexedor indicou que “é de xustiza recoñecer o mérito que ten organizar unha proba desta entidade, polo que agradecemos ao Club Ciclista Burela o seu empeño, así como a ABSA a doazón da suficiente pescada para que os participantes saiban recoñecer o sabor e o valor do peixe e o mérito dos que a traen a porto”.
O alcalde burelés engadiu: “por iso desde o Concello apoiamos esta iniciativa, poñendo a dispor da organización o persoal e os medios físicos precisos para que a proba sexa un éxito e que non haxa ningún contratempo, de forma que todos os participantes se leven un bo sabor de boca, e nunca mellor dito”.