Site icon Crónica3.com A Mariña

Galiza Nova chama ao estudantado de A Mariña a participar da Folga estudantil do vindeiro 26 de febreiro “en defensa do ensino público galego”

Galiza Nova, mocidades do BNG, desenvolveu durante as pasadas semanas na Mariña unha intensa campaña para espallar a Folga do vindeiro 26 de febreiro convocada polo estudantado galego. O Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, que explicitou o apoio da mocidade do BNG á folga estudantil, afirmou que “esta non é só una mobilización contra os recortes do PP no ensino galego senón que tamén nos mobilizamos para derrubar a LOMCE e impedir a aplicación do decreto 3+2”, que calificou de “ataque brutal contra o ensino público co que pretenden que a maioría do estudantado quede fora do ensino e pecharlle as portas da universidade”. Para Mera, “o PP pretende volver ao modelo educativo franquista, un retroceso de 50 anos co obxectivo de volver a un ensino máis españolizado e só para ricos.”

Segundo informan desde as mocidades nacionalistas, na Mariña realizáronse repartos do material e xuntanzas informativas cos estudantes dos distintos centros da comarca. O responsábel comarcal, Martín Graña indicou que “a campaña tivo unha extraordinaria acollida entre o estudantado e recabou o apoio de outros sectores da comunidade educativa, como o profesorado ou as nais e pais, afectados tamén por estas políticas de recortes.” Así mesmo, Graña informou da convocatoria dunha concentración para a propia xornada de folga na vila de Ribadeo ás 12h na rotonda do IES Ribadeo Dionisio Gamallo e en Burela unha manifestación que sae do IES Monte Castelo ás 12h e remata na plaza do Concello.

Desde Galiza Nova fan un chamamento á mocidade da Mariña a apoiar a Folga Estudantil do 26 de febreiro convocada polo estudantado galego e a acudir á concentración/manifestación porque, en palabras do Secretario Xeral da organización, “ou loitamos agora polo ensino público galego ou perderémolo para sempre, e só as elites poderán estudar.”

Exit mobile version