A iniciativa na que está a participar a compañía, que mobilizará máis de 700.000 euros entre investimentos públicos e privados, permitirá mellorar a eficiencia enerxética no almacenamento e transporte do pescado refrixerado e conxelado, conseguindo grazas á cooperación entre empresas e centros de investigación importantes beneficios non só económicos senón tamén ambientais.
Na súa visita Francisco Conde destacou o carácter familiar de Pescados Rubén, unha empresa con máis de 40 anos de traxectoria que ten sabido medrar e crear emprego apostando pola innovación e a internacionalización, dous dos eixos nos que se asenta o traballo da Consellería de Economía e Industria e nos que a compañía, que exporta un 95% da súa produción de produto conxelado, ten contado co apoio da Xunta.
O programa Conecta Pemes, no que participa Pescados Rubén, enmárcase na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), coa que se mobilizarán en Galicia máis de 1.600 millóns de euros ata o ano 2020 en iniciativas innovadoras, e na que a industria pesqueira está moi presente, e permite camiñar cara a Fábrica Intelixente e a Industria 4.0 que impulsa a Xunta, cun sistema de xestión baseado nas TICs.