Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA e MariñaPatrimonio denuncian unha plantación de eucaliptos por afectar unha mina aurífera romana en Riotorto

A Mariña, 23 de febreiro de 2015.- ADEGA e MariñaPatrimonio vimos de comunicarlle ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que no lugar de A Muxueira (Riotorto- Lugo) estanse a levar a cabo labores de corta e plantación de eucaliptos enriba dun xacemento aurífero da época romana.

Ambas organizacións puidemos comprobar que para eses labores se usou maquinaria pesada poñendo en risco os valores do xacemento. Así mesmo, abríronse novas pistas que lamentablemente están a modificar modificar a morfoloxía da antiga explotación aurífera romana.

Este xacemento non está inventariado oficialmente polo que é un ben patrimonial descoñecido para a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Na actualidade só están inventariadas algunhas destas minas nos concellos de Foz e Barreiros, pese a abundancia de xacementos deste tipo na zona oriental da Mariña.

En concreto, o concello de Riotorto conta cun bo número de explotacións mineiras de época romana, algunhas de gran espectacularidade e importancia. Na Muxueira atópanse varias: un grupo delas conforman o que podería denominarse un complexo mineiro, formado por tres grandes trincheiras a ceo aberto: As Grobas, O Palo Ribeiro e A Chousa do Baño. Esta última é a que se viu afectada polos traballos forestais.

ADEGA e MariñaPatrimonio solicitamos a inmediata paralización dos labores forestais que afectan o xacemento arqueolóxico, que se estuden os danos ocasionados, e ao mesmo tempo que se inclúa este complexo mineiro da Muxueira no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta de Galicia.

Exit mobile version