A comisión do Entroido de Ribadeo 2015 entrega os premios dos concursos nas redes sociais
edicion2
Ribadeo, 23 de febreiro de 2015. O salón de plenos do Concello acolleu o sábado pola noite a entrega de premios aos gañadores dos concursos realizados nas redes sociais pola comisión organizadora do Entroido de Ribadeo 2015, unha das novidades desta edición.
Establecéronse varias categorías: o mellor disfrace individual, Emma Tigretón, que levou un vale de compra por valor de 50 euros na tenda ribadense Hola Ola!. O mellor disfrace en parella, Vamos de birras?, foi obsequiado cun bono gastronómico/menú degustación para dúas persoas no Hotel Restaurante O Voar, agasallo doado por Café Bar O Cantón e Hotel Restaurante O Voar. O mellor disfrace en grupo, We can do it, foi premiado cunha cesta de produtos de Entroido doada pola Praza de Abastos de Ribadeo. Tamén recibiron agasallos da man da comisión o mellor local ribadense caracterizado, Bar Cortello, que levou unha placa conmemorativa, e o mellor profesional ou camareir@ caracterizad@, Os apaches chegaron A Villa Hotel Restaurante, que levou unha medalla conmemorativa de recoñecemento. O premio para @s máis larpeir@s, aquel grupo que acudiu disfrazado o luns, 16 de febreiro, a saborear un cocido nun dos establecementos hostaleiros participantes, e colgou as súas fotos no facebook foi para Peña Os Vinagres. Os gañadores recibiron unha cesta de produtos de Entroido, xentileza de Gadis e 75 euros en metálico, agasallo do Grupo Pasillo.
Despois da entrega de premios tivo lugar a Queima do Entroido nun solar situado na avenida Rosalía de Castro. O protagonista do meco deste ano foi o famoso Pequeño Nicolás, que tivo así os seus minutos de protagonismo na festa deste 2015.
A comisión organizadora do Entroido de Ribadeo amósase satisfeita coa acollida que tiveron as actividades programadas para este ano, “tanto das xa tradicionais como as que foron unha novidade: a gala-pregón e os concursos nas redes sociais”. E agradecen “ao Concello, a todos os establecementos e firmas colaboradoras a súa axuda, a todas as persoas que participaron no desfile e ao moito público que se congregou nas rúas de Ribadeo, a pesar do frío que fixo o 17 de xaneiro”.