A Mariña, 23 de febreiro de 2015.- A CIG-Ensino da Mariña convoca unha asemblea para informar das oposicións ao corpo de mestres que se van a celebrar este ano.
A asemblea informativa terá lugar o próximo mércores día 25 ás 18.00 horas no local da CIG de Burela (Arcadio Pardiñas, 137, 1º) e é totalmente aberta a calquera persoa interesada.
A oferta de prazas que se fai desde a Consellaría é de 432 prazas do corpo de mestres, 402 delas de acceso libre e 30 para discapacitados/as. A CIG-Ensino xa criticou esta oferta por ser totalmente insuficiente, cando se produciron máis de 4.000 xubilacións nestes anos e a oferta en número de prazas convocadas nas oposicións foi tan só de 585 prazas desde 2011 en todos os niveis e etapas e esixiu na mesa sectorial a convocatoria de oposicións en todos os niveis educativos.
A Consellaría insiste en aplicar unha taxa de reposición, que sumada ás de anos anteriores, incide novamente na perda de profesorado, cando xa se produciu unha redución de máis de 100 docentes nos centros da Mariña desde 2009. Segundo manifestou Dores Fernández, secretaria da CIG-Ensino na Mariña “unha oferta de emprego tan reducida contribúe, ademais, a deteriorar as condicións de traballo do profesorado e a calidade do ensino. Coa falta de docentes increméntase a impartición de afíns, as itinerancias entre centros, as rateos nas aulas e a carencia de profesorado para atender as necesidades específicas de apoio educativo, etc. Así mesmo acrecéntase a precariedade ao aumentar a bolsa de profesorado interino e substituto, impedindo a creación de cadros de persoal estábeis nos centros.”
Desde a CIG Ensino tamén chama a atención que, sen pasar pola Mesa Sectorial do Ensino, se convoquen 14 prazas do corpo de inspección, malia que xa se incrementaran estas prazas un 25% no ano 2013, cando nin sequera se repoñen o 100% das vacantes producidas nos diferentes niveis educativos e son múltiples as carencias, necesidades e demandas de profesorado nos centros.