Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Veciños Cruz da Venta traslada varias propostas de mellora ao alcalde de Cervo

San Cibrao, 19 de febreiro de 2015.- Directivos da asociación de veciños Cruz da Venta de San Cibrao trasladaron ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares, unha relación de propostas de mellora para as que piden a colaboración, interese e implicación do Concello. O colectivo veciñal mantivo un novo encontro co alcalde, enmarcado na liña emprendida nos últimos tempos de dar traslado ás distintas administracións de diversas reivindicacións veciñais.

En concreto, o presidente da asociación Cruz da Venta, Jose Luis Sariego, explicou que propuxeron que se valore a posibilidade técnica e urbanística de crear un acceso directo -tanto para o tráfico viario como peonil- dende a zona de Galdín á urbanización da Veiga, para o que se barallan distintas alternativas, incluída a mellora e adaptación da actual ponte do instituto. Tamén Sariego buscou a complicidade municipal no proxecto impulsado pola asociación de veciños para a restauración da antiga cetaria e pediu que se estudase a demolición das edificacións sen rematar de construír que levan anos paradas na entrada principal de San Cibrao.

Dende Cruz da Venta agradeceron a boa acollida das propostas por parte do alcalde que se comprometeu a estudalas e dar conta do resultado desa valoración en futuras reunións. O colectivo veciñal insiste en invitar a calquera veciño que así o estime, a trasladarlle propostas ou outro tipo de iniciativas que, dende a intermediación da acción veciñal, poidan transmitir ás distintas administracións. Neste sentido recordou que está próxima a concluírse a obra de mellora da praza Concepción Arenal, contigua ao supermercado Familia, unha das zonas máis transitadas de San Cibrao.

Exit mobile version