O equipo de Juanlu chega á cita na novena praza (25 puntos) tras un tropezo, o de Peñíscola (4-1), que para os mariñáns non é máis que “unha motivación máis para o grupo ante novos compromisos”, explicaba o técnico laranxa. En fronte estará a quinta praza dos insulares, dirixidos polo exburelista Juanito (33 puntos): “É un dos mellores cadros da liga; destaca pola calidade técnica dos seus xogadores, con nutrida capacidade para definir” analizaba Juanlu, ao que engadía: “Debemos expoñer un partido físico, creo que somos mellores nas transicións e en intensidade. Debemos incomodalos e que non lles dure moito a pelota porque é un equipo que está máis cómodo levando o peso do partido que á contra” puntualizaba o adestrador da Mariña sobre as claves do partido.
A afección laranxa poderá gozar mañá do primeiro partido de Behroz en Vista Alegre, logo da súa estrea da semana pasada na pista do Peñíscola. Isi será unha semana máis baixa, pola súa rotura de fibras; prevese que poida estar de volta nun mes aproximadamente. Pola súa banda, nas filas insulares debutará o peche brasileiro Attos.
No partido de ida o Palma impúxose na casa 6-3.
Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 3. Bellvert, 5. Iago Míguez, 9. Behroz, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 14. Miguel, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder
Convocatoria Palma Futsal: 1- Barrón, 2- Burrito, 4- Vadillo, 6- Joao, 7- Sergio, 10- Joselito, 13- Taffy, 14- Tomaz, 15- Medina, 16- Chicho, 18- Attos, 94- Paradynski.