Site icon Crónica3.com A Mariña

Un total de 39 mozos fixeron prácticas remuneradas a través do plan de fomento do emprego xuvenil do Concello de Cervo

Cervo, 15 de xaneiro de 2015- O Concello de Cervo fixo balance do plan de fomento de emprego xuvenil do que se benefician os mozos e mozas con estudos (universitarios ou de FP) e que fan as súas primeiras prácticas remuneradas en departamentos municipais e en empresas.

Este plan, que impulsa e financia o Concello, púxose en marcha en xullo de 2013, e dende entón ata hoxe participaron nel 39 titulados, dos cales 22 tiñan estudos universitarios e 17 en Formación Profesional. Cabe destacar que deses 39, 15 comezaron no ano 2013, 21 incorporáronse no 2014 e 3 neste mes de xaneiro. Ao mesmo tempo, na actualidade son 18 os mozos que teñen unha bolsa en activo.

Outro dato a destacar é que hoxe en día poden participar neste plan tanto titulados nas universidades e centros de Galicia como da Universidade de Oviedo. De feito, o Concello comezou xestionando as bolsas con FEUGA (Fundación Empresa-Universidade Galega), pero máis tarde detectou que había algúns casos de titulados que cursaran os seus estudos en Asturias, polo que a finais de 2014 asinou un convenio coa Fundación Universidad de Oviedo. Desta maneira, son xa 2 os mozos que fan prácticas a través deste plan e que estudaron en centros asturianos.

Para facer posible esta iniciativa, o Concello destinou 35.000 euros no 2013, unha contía que ao ano seguinte triplicou ata os 100.000 euros atendendo a demanda de bolsas. Para o 2015 o importe mantense, de forma que investirá outros 100.000 euros na formación e o emprego da mocidade. “Para nós é prioritario axudar aos nosos mozos na súa inserción no mercado laboral, e con estas bolsas obteñen a súa primeira experiencia de traballo, o cal poderá facilitarlles que atopen un emprego relacionado coa súa titulación”, asegura a edil de Emprego, Yolanda Pedreira.

Ao mesmo tempo, o Concello mantén activo o plan de formación dual, no que participan 15 alumnos menores de 30 anos que reciben formación e fan traballo efectivo no sector forestal. Desta maneira, son 54 os mozos e mozas que incrementan e melloran as súas posibilidades de atopar un traballo.

Exit mobile version