O Carnaval é celebración desenvolvida polo pobo. Tradición moi antiga, deuse xa na época de Babilonia. A festa consiste na exaltacion das carnes, críticas aos gobernantes, políticos e outros estamentos na subversión e no relaxo da moral , permitindo prácticas que na vida cotiá non serían ben vistas. Don Carnal, o gozo da carne, o tempo de diversión, a satisfacción do prohibido, represéntase por un boneco que se queima ó remate da festa (enterro da sardiña). Ó entroido segue a coresma, que marca o tempo de troula e exceso, para entrar nun período de abstinencia e seriedade. . Na Idade Media renace o carnaval impulsado polo pobo campesiño que tivo que soportar as intromisións da nobreza que non o aceptaba de todo. Xa na dictadura de Franco foi prohibido, rexurdindo paseniño pola necesidade de alegría, música e liberdade.Polo que a Foz atinxe o entroido celébrase dende tempo inmemorial, ainda que o ritual non ten connotacións etnográficas ou antropolóxicas; ou sexa, non responde a tradición cultural algunha. A forma de expresión popular, expontánea, ven dada por un estado colectivo de euforia, en cuxa eclosión ten que ver o bó e abondoso xantar e as libacións xenerosas, así como o optimismo, o enxeño e a ledicia de vivir propias das xentes da beiramar. Houbo tempos de recortes para a alegría do carnaval, pero o cronista lembra que, aínda con tal atranco, mesmo en plena dictadura franquista, nunca en Foz deixou de celebrarse por mais que ás veces, para eludir as ordes dos que mandaban, e a vixianza do seu cumprimento, había que afinar o maxín e exprimir os miolos recurrindo a estratexias que agudizaban o enxeño e enriquecían os episodios carnavaleiros coa parafernalia grotesca e disparatada do desemulo a que as circunstancias obrigaban.Pero son outros tempos e a evolucion da sociedade en tódolos ordes: tecnoloxía, economía…; ou sexa, os oxetivos e medios, mudaron os gustos e as formas de diversión, e o que se perdeo en espontaneidade gañouse en esplendor e magnificencia. O Entroido de Foz é exemplo ilustrativo. Disfrútao, lector amigo.