Site icon Crónica3.com A Mariña

Queremos Galego critica a oposición do Concello de Santiago á celebración da manifestación do 8 de febreiro

Santiago de Compostela 30 de xaneiro de 2014-. A Plataforma cidadá Queremos Galego recibíu este venres unha notificación do Concello de Santiago onde se nega autorización para conexión ao alumeado municipal, ben directamente, ben por medio dun xerador do Concello, para desenvolver o acto final da manifestación masiva prevista para o 8 de febreiro.

Segundo indicou a plataforma cidadá, que aglutina máis de 600 colectivos, o concello “oponse máis unha vez a todo o que teña a ver coa defensa activa da lingua galega a través da mobilización cidadá”, e faino “malia contar con precedentes xudiciais en contra desta postura”.

A plataforma cidadá lembra que esta actitude non é nova, “é a mesma que mantiveron os anteriores alcaldes de Santiago neste mandato, Conde Roa e Ángel Currás”. “Como non poden parar ás miles de persoas que se dirixirán a Santiago a se manifestaren polo futuro da nosa lingua, pensan que cortando o son poderán calalas”, sinalou o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa Marcos Maceira.

Para Maceira, “a única enerxía que precisamos é a das miles de persoas que a pesar do goberno da Xunta e dos impedimentos do Concello de Santiago, actúan todos os días para o noso idoma siga vivo e que veremos en Santiago o 8 de febreiro” aínda que, engadíu, “non estamos dispostos a ceder diante da vulneración dun dereito cidadán, polo que se é preciso voltaremos conseguir nos xulgados o que o Concello insiste en nos negar”.

Por último Maceira fixo un chamado ao novo alcalde Agustín Hernández, a que evite a confrontación xudicial e deixe de pór limites ao que en Galiza, en Santiago como a súa capital, é o natural, a lingua galega e a liberdade de expresión.

Exit mobile version