No caso do Entroido de Cervo, os actos están organizados por Airiños do Xunco e comezarán o sábado 14 de febreiro ás 18.30 horas co habitual playback infantil no salón de plenos da Casa do Concello. O Domingo de Entroido será o momento do desfile. Os participantes que se queiran inscribir o mesmo día poderán facelo a partir das 17.00 horas no pavillón do CEIP Cervo.
Aínda así, todas as comparsas que se inscriban antes do 12 de febreiro serán agasallados cunha cesta de produtos típicos do Entroido. Para apuntarse pódese contactar coa Asociación Airiños do Xunco nos teléfonos 600 96 83 44 (Rafa) ou 982 55 76 13 (Azucena).
Unha hora máis tarde, ás 18.0 horas, arrincará a comitiva, que sairá do colexio pasando pola travesía central da vila xirando en Cerámica Gudín con parada final na praza do Souto, onde se fará entrega dos premios aos mellores disfraces segundo as catro categorías establecidas: individuais, parellas, grupos, e comparsas (mínimo 8 compoñentes), que consistirán en figuras de cerámica e cestas con produtos típicos do Entroido.
San Cibrao
En canto aos actos de Entroido en San Cibrao, comezarán xa o luns día 16 co baile infantil de disfraces na Casa do Mar a partir das 18.00 horas Nel haberá un desfile, música, xogos, obradoiros e, ao remate, unha chocolatada. O Martes de Entroido desenvolverase o desfile e concurso de disfraces para todos os públicos, que comezará ás 18.00 horas e no que se repartirán 2.300 euros en premios distribuídos por categorías. A saída farase da praza dos Campos, onde se concentrarán os participantes, e a comitiva percorrerá a vila pasando pola Avenida da Mariña, a zona da ría, volta de novo pola Avenida da Mariña ata o porto rematando na praza dos Campos. A charanga “As Farangullas” amenizará o desfile e ao remate a Orquestra Suavecito porá a música. En canto á entrega de premios, para infantís e xuvenís será ás 20.30 horas e para adultos ás 21.30 horas na praza dos Campos.
A inscrición xa se pode facer na Casa da Cultura de 9 a 13:30 e de 17 a 20 h. ata o día 16 de febreiro. O día do desfile, o 17, aínda se poderán apuntar, ata as 13:30 na Casa da Cultura e na praza dos Campos a partir das 16 h. Ademais, haberá detalles para aquelas persoas que se inscriban antes do 13 de febreiro, que recibirán vales de consumición en locais de hostalería de San Ciprián e bolos preñados.
Tamén ao remate do desfile a Asociación Cultural Península da Paz porá á venda bolos preñados. Pola súa banda o CIT organiza un ano máis a cea de Entroido, que terá lugar no restaurante Buenavista ás 22:30 h. Os tickets xa se poden adquirir no local do CIT.