Era á do sábado 10 de xaneiro unha data agardada con especial ansia polos anfitrións (“O Cadaval”, equipo organizador do aberto), para no seu territorio cortarlles as ás ós todopoderosos Billardeiros Musicais neste seu referencial Aberto da Galiña de Mos, na súa V edición, que se disputou no irregular céspede do antigo campo de fútbol de Castro Riberas de Lea. Pero os ribadenses non só aguantaron o tipo, senón que aumentaron a vantaxe e conseguiron unha nova marca ao acadar 39 dos 40 puntos en xogo (a marca anterior de 37 puntos tamén a tiñan eles dende a segunda xornada).
Un ceo azul cun sol radiante puxo marco á festa billardeira en Castro. No terreo quedaban mostras das pasadas chuvias que o facían en algunas zonas algo máis blando do normal, pero en boas condicións para a práctica da billarda. A xornada prolongouse ata o lusco fusco, facendo necesario a axuda dos focos para dar termo as carreiras de desempata polos primeiros postos. Poucos tiros directos, catro ou cinco por fóra e só un por dentro do varal, o conseguido por Santi na súa primeira carreira; un seco e potente carabullazo que mandou a billarda directamente polo centro e a deixou chantada uns metros mais aló do varal.
Cinco foron os xogadores que acadaron pleno de vitorias e catro os que xogaron finalmente polos dous primeiros postos, xa que Markytos logo de gañar as súas carreiras foise ca música a outra parte. De feito, tiña concerto co grupo Calabash en Ribadeo.
Así pois, Daniel e Suso Coedo (Billardeiros Musicais), Migho (Cruzados) e David Saavedra (O Cadaval) foron os finalistas, resultando gañador Coedo que se fixo cunha pita de Mos-, segundo Daniel -agasallado cun galo de Mos- e terceiro David que recibiu das mans de Mario outra galiña de Mos como mellor xogador local. O presidente de O Cadaval, Mario Saavedra, foi o encargado da entrega de premios xunto ao rexedor local, que un ano máis se presentou para acompañar aos billardeiros na entrega de premios.
Agardando a vindeira xornada en Meira do 31 de xaneiro as clasificacións quedan do seguinte xeito:
– Individual: Markytos 54 p., Daniel 52 p., Pepe Outeiro 47 p., Kiko 46 p., Franco e Migho 42 p.
– Equipos: Billardeiros Musicais 205 p., O Cadaval 190 p., e Carabullo de Teixo 1159 p.
– Varados: Markytos 9, Charli e Daniel 4, Roi, Santi e Tonecho 2.