O Burela FS Pescados Rubén realizará este sábado o seu último desprazamento da primeira volta, na penúltima xornada antes de chegar ao ecuador. Ordizia será o destino das pupilas de Quico Otero, que saltarán á pista do Majori Kiroldegia ás 18.45 horas, en busca de tres novos puntos que garantan a súa permanencia unha semana máis no podio.
Tras a sesión de recuperación activa de onte, logo da clasificación para a final da Copa Galicia ante Cidade das Burgas, as xogadoras laranxas realizarán esta tarde o último adestramento da semana. “Despois do desgaste de Copa a ver como chegamos fisicamente” cuestionaba Quico Otero. “Son tres puntos moi importantes para continuar con opcións de todo”, puntualizaba, destacando “a intensidade defensiva” como a grande arma a bater das vascas. “É un equipo moi agresivo na casa, ao que seguramente nos custará romper pola súa defensa atrasada”.
Quico Otero non poderá contar con Patri, sometida hoxe a unha intervención de xeonllo, nin probablemente con Paula, que aínda non se recuperou totalmente da escordadura de nocello coa que regresou da convocatoria con Galicia Sub-21.
Convocatoria Burela Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Cristina, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 10. Lara, 11. Kiko, 17. Maite, 14. Bea Mateos, 18. Shiori, 19. Paula (dúbida), 20. Tainã.