A concelleira de Cultura de Burela, Mónica Pedre, explicou que “á reunión de onte asistiron bastantes asociacións, co cal consideramos que isto xa ten unha importancia relevante porque se ve que hai interese do asociacionismo en Burela en manter e potenciar todo o posible a festa do Entroido. En principio, o que se fixo foi establecer unha primeira aproximación ao que será o programa. O máis seguro é que o luns 16 se inclúa unha actividade nova que sería un baile de disfraces con orquestra que vai incluír a ACIA e o resto do programa sería moi similar ao do ano pasado”. A edil popular dixo: “vanse a manter os premios e nos próximos días seralles remitido a tódalas asociacións o borrador do programa xa cos horarios, para que elas mesmas acaben de concretalo. Probablemente, para o día 2 de febreiro fagamos unha segunda reunión xa para concretar e pechar definitivamente o programa de actos do Entroido de Burela, que comezaría o venres día 13”.
O alcalde, José María González Barcia, agradeceu “profundamente toda esta asistencia e colaboración a todas as persoas que onte asistiron á reunión e a todos os colectivos que estaban presentes. Creo que é un bo síntoma de que hai sintonía entre os colectivos e o Concello para poder organizar eventos que dinamicen a nosa vila, o noso tecido socioeconómico e o noso tecido asociativo, e nese sentido eu fago un chamamento a aquelas persoas, ben a título individual, ou ben a título colectivo, que queiran participar de forma activa tanto na organización como na colaboración cos distintos eventos para este Entroido 2015. Van ter oportunidade para facelo, xa que 2 de febreiro, case con toda a seguridade, manteremos unha segunda reunión para concretar o programa. Por tanto, eu coma alcalde deste Concello teño que recoñecer publicamente o traballo que fan os colectivos e as persoas neles integradas para poder participar de forma activa na organización e colaboración deste evento, e só quero reiterar unha vez máis o meu agradecemento e agardar que o Entroido 2015 non desmereza para nada ao que se merece o noso Concello”.