Javier Jorge Castiñeira manifestou que “dende o Concello de Foz estanse facendo diferentes xestións para seguir avanzando coa obra do carril bici. É unha obra demandada e importante para o noso concello, xa que unirá as praias de A Rapadoira e Llas. Despois da última reunión en Madrid co director general de Costas, temos unha opinión bastante optimista de que as obras poidan ser realizadas xa durante este ano 2015, polo menos a primeira fase que una esas praias de A Rapadoira e Llas. É unha obra importante e moi demandada e hoxe mesmo no propio sitio analizamos como podemos ir facendo por fases e iniciando esta obra, para a que xa están feitas as expropiacións e o proxecto e soamente queda dotala economicamente e iniciala”.
O alcalde focense resaltou que “dende o goberno municipal estamos contentos con esta xestión. O noso grupo de goberno segue traballando polo pobo, por facer xestións, por aprobar os orzamentos e por ir avanzando no Plan Xeral, así como por dotar de obras a Foz mentres outros seguen xustificándose electoralmente. Uns comezaron a campaña e outros tratamos de levar cabo novos proxectos. O equipo de goberno popular de Foz é responsable, ten un compromiso de catro anos cos veciños e vai cumprilo. Niso estamos, aportando o cen por cen do noso esforzo”.