Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Trabada reclama no Pleno o mantemento do servizo de Correos tralos “recortes de persoal e de horario de oficina”

Trabada, 19 de xaneiro de 2015. O BNG a través da concelleira Maria Xosé Fernández, levou pola vía de urxencia ao pleno celebrado o pasado venres en Trabada a reclamación para o mantemento do persoal existente na oficina da localidade, recortado de tres a dúas persoas nas últimas datas. Esta medida obriga a acumular o traballo nas dúas que quedan, ademais de recortes nos horarios de apertura da oficina e súmase á perda doutros servizos como a non recollida de determinada paquetería , obrigando á veciñanza a desprazarse á oficina principal de Mondoñedo para tramitar determinados envíos.

Malia a urxencia que dende o BNG coidan ten o tratamento desta problemática que repercute a diario non veciños e veciñas do Concello, así como nos traballadores de correos do mesmo; o rexedor municipal, Xosé Manuel Yañez Ginzo negouse a entrar a debater sobre as propostas presentadas, antepoñendo os seus intereses partidarios ao interese xeral do concello e deixando o seu tratamento para o vindeiro pleno municipal no que o BNG reiterará as súas peticións para garantir os servizos e necesidades da veciñanza e traballores de correos.

Segundo a nacionalista, o servizo de correos privatizado no ano 2001 durante a etapa de Aznar como presidente do goberno español e baixo a dirección do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, podería estar incumprindo a súa función social recollida na Lei 43/2010, de 30 de decembro, do servizo postal universal, dos dereitos dos usuarios e do mercado postal que especifica no Art. 8 do Título II “o alcance e a prestación efectiva do servizo postal universal deberá responder aos principios de cohesión social e territorial, non discriminación por razón de calquera circunstancia ou condición persoal, social ou xeográfica…”
Para María Xosé Fernández o recorte no envío de determinada paquetería, obrigando á poboación a trasladarse á oficina principal de Mondoñedo, a non apertura da oficina nos horarios establecidos derivan dos recortes en persoal e eliminan a función social do servizo, buscan a súa degradación non cumpren a filosofía da universalidade do servizo discriminando negativamente o medio rural.

O BNG solicitaba que a corporación municipal de Trabada tomara os seguintes acordos, de cara a garantir a prestación efectiva do servizo:
1º.- Demandar da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos a recuperación dos servizos e persoal existentes no concello de Trabada anteriores ás medidas de recorte efectuadas no ano 2013 e no actual.
2º.- Demandar da Xunta de Galiza a xestións necesarias, diante da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos e o goberno do Estado para que no noso concello se proceda a recuperar os servizos e persoal anteriores ás medidas de recorte efectuadas no ano 2013 e no actual.

Exit mobile version