Foz, 31 de xaneiro do 2015.- Lorena Seivane foi elixida este venres, por unanimidade da Asemblea Local, candidata do BNG á alcaldía do Concello de Foz para as próximas eleccións municipais.
Lorena, actualmente responsable local do BNG de Foz, naceu na emigración no 1984, estudou Ciencias Empresariais e Económicas na UDC e traballa como empregada de banca. “Síntome moi orgullosa de ser elixida e representar ó BNG nas próximas eleccións municipais. Temos un compromiso con todos os focegos e focegas para darlle un cambio á vida política, económica e social de Foz poñendo o Concello ao servizo dos veciños e veciñas, creando mecanismos de participación e control cidadán, e defendendo, como é tradicional no BNG, uns servizos públicos de calidade para saír da actual parálise á que nos levaron estes últimos anos de desgoberno popular e doutras opcións que xa tiveron un longo recorrido e non demostraron ser unha alternativa real á dereita”.
O BNG de Foz coa elección de Lorena Seivane reflicte o proceso de cambio social e rexeneración política que se está producindo en todo o país, e que debe levar a un cambio e a unha renovación real da vida municipal, tanto de novas caras como de novas políticas que poñan a Foz onde lle corresponde.
Lorena Seivane representa a xuventude como motor de renovación e cambio, con ideas novas e novos folgos para levalas a cabo. “A ilusión coa que me vou presentar compaxínase coa insatisfacción dunha realidade social que non me gusta e que quero cambiar coa axuda e o apoio que me dean os veciños e veciñas de Foz. Non quero que a xente moza coma a min teña como única saída emigrar”, expresou a candidata nacionalista.
Ademais Lorena é a primeira muller candidata á alcaldía do Concello de Foz. Segundo as súas palabras “ser muller é un orgullo e unha gran responsabilidade. O feito de que unha muller acceda á alcaldía de Foz sería moi positivo desde o punto de vista da igualdade e da pluralidade. O cambio que Foz precisa tamén ten que vir por aí”.