Precisamente, por este motivo, é dicir, por non ter desenvolvida esta normativa, o concello da capital está pagando á CH uns 800.000 euros. Trátase, por tanto, dunha situación que, en opinión da deputada, “non é xusta, xa que, precisamente, Lugo e Ourense, tampouco son as provincias máis desenvolvidas”.
“Consideramos que os ríos intracomunitarios e o mar tamén son medio natural e respecto a eles debería de rexer o mesmo principio. Díxose nalgún momento que a capacidade de absorción da contaminación polo mar era case ilimitada, pero isto desmíntenno os informes e sancións da UE coa que xa se produciu algunha multa pendente por exceso de contaminación nas costas”. O canon que as cidades como Lugo pagan a unha Confederación Hidrográfica deriva do desenvolvemento da Lei de Augas que di […] es también objeto de esta Ley el establecimiento de las normas básicas de protección de las aguas continentales, costeras y de transición, sin perjuicio de su calificación jurídica y de la legislación específica que les sea de aplicación […]. Asimesmo, indica que as autorizacións de verteduras incluirán o correspondente canon de control de vertido. Pola súa banda, a Lei de Costas estipula que […] entre as condicións a incluir en las autorizaciones de vertidos deberán figurar las relativas canon de vertido […].
Na aplicación da primeira normativa as CHs regularon e aplican esta taxa que pagan as cidades, de aí a importancia de que a Xunta de Galicia e o resto de Comunidades teñan desenvolvido estas leis para aplicar o correspondente canon. “Non parece lóxico que, polo mesmo feito, verter ao medio natural, unhas cidades paguen e outras non”, subliñou a deputada.
Armonización de conceptos
Con esta iniciativa, os socialistas pretenden, ademais, que o Goberno, en base a mellorar a gobernanza da auga, armonice a definición dos conceptos de forma que sexa factible a identificación en todas as Comunidades de todas as taxas e impostos aplicables á xestión da auga.
A lexislación de augas e costas establece un canon de control de vertidos ao dominio público hidráulico cunha taxa destinada ao estudo, control, protección e mellora do medio receptor de cada cunca hidrográfica, que se denomina canon de control de vertidos, e que é independente das taxas que poidan establecer as administracións autonómicas ou corporacións locais para financiar as obras de saneamento ou depuración. Na normativa das Confederacións, xestionadas polo Executivo Central, regúlase e cóbrase dito canon polas verteduras que fan ás augas dos ríos dependentes destas. Estes ríos son os que pertencen a unha cunca que se atopa en máis dunha Comunidade Autónoma (cuncas intercomunitarias). Por outra banda, existen outras, denominadas intracomunitarias, que son aquelas que se atopan na mesma Comunidade e, por tanto, os seus ríos correspóndense cos cursos fluviais que só discorren polo territorio autonómico, de tal xeito que estas están xestionadas polas autonomías e non están repercutindo nesta taxa, a pesares de que o feito impoñible é “idéntico”.
Dacordo coa lexislación básica en materia de medio ambiente e, “en aplicación do principio de quen contamina paga”, todos os vertidos deberían de ter o correspondente canon para a protección e mellora do medio receptor e para evitar que, polo mesmo feito, unhas cidades teñan que pagar un canon e outras non. Segundo defendeu Herraiz, este canon incentivaría tamén que as verteduras fosen o menos contaminantes posibles, e coas modificacións normativas precisas, podería contribuír, ademais, ao estudo e protección do medio ambiente e ao financiamento das infraestruturas necesarias para a depuración.